O deputado provincial Javier Tourís presentou no CPI Plurilingüe Santa Lucía de Moraña, acompañado do alcalde Sito Gómez, esta iniciativa impulsada pola Deputación de Pontevedra e ideada pola pedagoga Teresa Domínguez xunto con Belén Giménez, que este ano chegará a máis de 2.200 alumnas e alumnos de Secundaria da provincia
Tourís informou que a Deputación editou outros 8.500 calendarios competenciais dirixidos a Infantil e Primaria
A Deputación de Pontevedra lanza os calendarios competenciais de Secundaria para o curso 2025-2026, unha ferramenta pedagóxica para aprender a base de experiencias dirixida ao alumnado da provincia. O deputado provincial Javier Tourís presentou no CPI Plurilingüe Santa Lucía de Moraña, acompañado do alcalde Sito Gómez, esta iniciativa impulsada polo organismo e ideada pola pedagoga Teresa Domínguez xunto con Belén Giménez, que este ano chegará a máis de 2.200 alumnas e alumnos de Infantil e Primaria da provincia.
Tourís informou que, ademais dos 2.200 calendarios competenciais de Secundaria, a Deputación editou 8.500 materiais dirixidos a Infantil e Primaria, co que o alumnado da provincia dispón de preto de 11.000 unidades destas ferramentas pedagóxicas “cheas de propostas divertidas e educativas” para levar a cabo nos centros educativos “pero sobre todo na casa, coas vosas familias”. Trátanse, tal e como explicou o deputado, de “actividades que abranguen desde valores positivos ata hábitos de vida saudable e propostas para facer no interior, agora que veñen por diante meses fríos e húmidos, como no exterior, cando saian os raios de sol”. Neste eido subliñou que se trata de ferramentas de aprendizaxe de “grande utilidade, que vos axudarán a descubrir a través de experiencias, compartindo espazos tempos coas vosas amizades e familias, e a convertervos, no día de mañá, en persoas con pensamento crítico, cheas de valores, habilidades e coñecementos”.
O deputado informou que os calendarios dirixiranse aos centros educativos de Secundaria do conxunto da provincia de Pontevedra, distribuíndo para estes ciclos educativos máis de 2.200 unidades. Neles inclúense propostas de cinema adaptado a cada idade e de literatura, así como actividades para realizar a diario que inclúen desde a creación de podcasts, xogos en familia, ata tarefas de investigación e de reflexión sobre diferentes cuestións como alimentación, enfermidades ou arte.