“Non soamente queremos mellorar e modernizar o material das agrupacións de Protección Civil para que sigan á vangarda en formación e actuación, senón que tamén queremos recoñecer e valorar o seu traballo, indispensable para o bo funcionamento desta provincia”, subliñou o presidente Luis López
A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar o lanzamento dunha novidosa liña de axudas dotada con 100.000 € para que as agrupacións de Protección Civil dos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia sigan a ser punteiras e de referencia. O presidente Luis López subliñou que con esta liña de axudas, pioneira no organismo provincial, “non soamente queremos mellorar e modernizar o material das agrupacións de Protección Civil para que sigan á vangarda en formación e actuación, senón que queremos tamén recoñecer e valorar o seu traballo e apoiar o seu labor, indispensable para o bo funcionamento desta provincia”.
Esta nova liña de axudas repartirá entre 1.000 e 5.000 euros por cada agrupación e permitirá que poidan adquirir equipos de protección individual, maquinaria, ferramentas de rescate e salvamento, mobiliario para os locais das agrupacións, equipos informáticos, equipos de comunicación e dispositivos móbiles, material de seguridade viaria inventariable e material sanitario tamén inventariable.
As axudas publicaranse proximamente no Boletín Oficial da Provincia e o prazo para solicitar estes recursos, que activa por vez primeira a Deputación de Pontevedra, porase en marcha a partir do día seguinte ao da publicación, permanecendo aberto ata o 31 de outubro.



