Pazos acollerá o “Concerto Punkinfantil” de Peter Punk e Brais das Hortas no marco do circuíto +Escénicas, que está a levar o teatro e a danza a preto de 50 concellos da provincia
Nas Neves proxectarase o filme “Emoción, vida e teatro. A nave das Marías” dentro da programación do Ciclo Mestre Mateo
A Deputación de Pontevedra leva este sábado 21 de decembro a súa programación cultural aos concellos das Neves e Pazos de Borbén con dúas actividades enmarcadas no programa provincial Ciclo Mestre Mateo e o circuíto +Escénicas, cos que respectivamente se están a proxectar as cintas finalistas e gañadoras da última edición dos premios do audiovisual galego, e mais unha completa programación de artes escénicas (teatro e danza) para os concellos de menos de 20.000 habitantes.
As actividades comezarán en Pazos de Borbén ás 18:00 horas, no Auditorio do Concello, para o público infantil da man do pallaso Peter Punk e Brais das Hortas e o seu “Concerto Punkinfantil”, unha actividade enmarcada no circuíto +Escénicas. Nela, un cantante punk e un cantante infantil están condenados a compartir escenario e acaban creando un delirio musical. Tras descubrirse e recoñecerse van confluíndo nun espazo común dando como resultado este espectáculo musical e de clown para todos os públicos, no que está presente o concepto punk máis alá dos aspectos máis superficiais e acollendo as inquedanzas das cativas e cativos.
Co circuíto +Escénicas, dotado de 150.000 euros, a Deputación busca dar resposta á demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. A cada concello correspóndelle unha achega máxima de 3.400 euros para financiar os espectáculos propostos, incluídos nun amplo catálogo de espectáculos de danza e teatro posto á súa disposición e dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra.
Pola súa banda, nas Neves terá lugar a proxección do filme documental “Emoción, teatro e vida. A nave das Marías”, dentro do Ciclo Mestre Mateo, no Auditorio municipal a partir das 20:00 horas. Dirixido por Saamira Ganay e Cris Andina, fala da importancia do teatro como ferramenta de intervención social a través dunha peza teatral creada dentro dun programa da ONG Ecos do Sur, co obxectivo de facilitar espazos de participación e visibilización para mulleres migrantes. As persoas implicadas no seu proceso contan en primeira persoa como as clases de teatro e o proceso creativo influíron nas súas vidas, deixando testemuño de como pode ser unha ferramenta se efectiva para cambiar a vida da xente.
A programación desta nova edición do Ciclo Mestre Mateo chegará aos concellos de Cerdedo-Cotobade, Moraña, e Ribadumia. Ademais de “A nave das Marías”, tamén haberá proxeccións de “O Corno”, “Matria”, “Fatum”, “A viaxe de Lucy”, “¡Salta!”, “Os espazos en branco” e “Chichi e mais eu”, así como sesións de curtametraxes.