Estudantes do IES Plurilingüe A Paralaia asistirán a unha acción formativa que porá o foco na socialización diferencial e as expectativas que esta xera, distintas para os homes que para as mulleres
A acción enmárcase na campaña Malabares ata cando?, posta en marcha pola Deputación durante todo o mes de marzo co gallo do Día Internacional das Mulleres
A Deputación de Pontevedra leva este xoves 20 de marzo a Moaña os obradoiros de sensibilización para centros de ensino incluídos no novo programa provincial Ateneo pola Igualdade, coincidindo coa posta en marcha da campaña Malabares ata cando? co gallo do 8 de marzo. A través desta iniciativa, que busca situar a Deputación como un referente na promoción da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes baseándose na investigación e na divulgación con perspectiva de xénero, o alumnado do IES Plurilingüe A Paralaia asistirá a unha acción formativa para reflexionar arredor da igualdade.
En concreto, o obradoiro leva por título “Gamers e influencers” e incidirá en como a socialización diferencial xera expectativas distintas para mulleres e homes. O denominado espellismo da igualdade provoca que as novas xeracións sexan cegas a algunhas das súas consecuencias e repitan padróns sexistas do pasado, polo que o obradoiro fomentará un pensamento crítico para interrogarse sobre os guións sociais impostos.
Ateneo pola Igualdade é un programa itinerante cunha programación ampla e variada baseada en tres alicerces, o coñecemento, a creación e o progreso, e dividida en catro áreas: investigación (elaboración de estudos), formación (encontros, xornadas, foros, congresos e seminarios), sensibilización (campañas en asuntos como coeducación ou corresponsabilidade, ademais de ciclos culturais) e difusión (unha videoteca, presentacións, edición de libros e encontros con escritoras).
A actividade en Moaña organízase baixo o paraugas de Malabares ata cando?, a campaña coa que a Deputación de Pontevedra reivindica co gallo do Día Internacional das Mulleres a necesidade dunha corresponsabilidade real para que as mulleres non teñan que ser quen sacrifiquen as súas carreiras ou o tempo que poden dedicarse a si mesmas por mor dos coidados. Arredor desta campaña a institución provincial está a desenvolver ao longo de todo este mes preto dunha vintena de actividades, entre elas un concurso escolar, exposicións, obradoiros de sensibilización, actividades formativas ou foros de debate.