A exposición, que será inaugurada pola vicepresidenta da Deputación Luisa Sánchez, poderá verse na sala Rosalía de Castro da sede da institución provincial en Vigo entre o 2 de decembro e o 10 de xaneiro de 2025
Tras estar exposta en Pontevedra, en Salvaterra, na Estrada e en Sanxenxo, a mostra “Cines de Pontevedra. Memoria dunha ilusión” remata este ano 2024 na Sede da Deputación en Vigo, onde será inaugurada pola vicepresidenta Luisa Sánchez o vindeiro luns, 2 de decembro, ás 19:30 horas.
A mostra promovida pola Deputación busca recuperar os recordos dos vellos cines, daqueles de sala única que se espallaron ao longo do século XX polas cidades, vilas e localidades da provincia e que, salvo contadas excepcións, pertencen xa ao pasado. Desta maneira, recupera testemuños da importancia social e cultural que tiña ir ao cine, desde os espazos e arquitecturas que foron acollendo o espectáculo ao conxunto de actividades, prácticas sociais e relacións artelladas nos tempos en que o cine era a principal forma de ocio, e tamén a máis barata.
Ademais de restos materiais das vellas salas e dos documentos de arquivo, as vivencias arredor do espectáculo do cine subsisten na memoria e nos recordos das últimas xeracións que coñeceron aqueles tempos. Deste xeito, o proxecto complétase coas memorias e vivencias de persoas da provincia, un traballo para o que se realizaron máis de 500 enquisas.
A exposición “Cines de Pontevedra. Memoria dunha ilusión”, poderá verse na sala Rosalía de Castro da Sede de Vigo da Deputación de Pontevedra desde este luns, 2 de decembro, ata o vindeiro 10 de xaneiro. Despois, e ao longo de todo o 2025, está previsto que continúe a súa viaxe polos concellos da provincia.