O Auditorio Valle-Inclán acollerá este sábado ás 20:00 horas a proxección de “Xustiza artificial” e o domingo ás 19:00 horas a de “Honeymoon”
O ciclo, no que a institución provincial colabora coa Academia Galega do Audiovisual, chegará tamén aos concellos de Marín, Mondariz e Salvaterra de Miño
O Auditorio Valle-Inclán, en Vilanova de Arousa, acolle esta semana dúas citas co mellor audiovisual galego da man do Ciclo Mestre Mateo, unha iniciativa impulsada pola Deputación de Pontevedra e a Academia Galega do Audiovisual para achegar as longametraxes de ficción e documentais finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos da provincia. O sábado 4 de outubro ás 20:00 horas exhibirase “Xustiza artificial”, de Simón Casal, e o domingo 5 de outubro ás 19:00 horas será a quenda de “Honeymoon”, de Enrique Otero.
Simón Casal propón a cinta de intriga “Xustiza artificial”, na que un sistema de intelixencia artificial do goberno español promete automatizar e despolitizar o proceso xudicial. O desenvolvemento do proxecto desvelará unha conspiración para controlar todo o país. Pola súa banda, Enrique Otero firma “Honeymoon”, unha cinta na que un matrimonio en destrución ten que viaxar a Estados Unidos para repatriar o corpo do seu fillo falecido. Só esta necesidade case física de facelo será o único que os una.
A programación da nova edición do Ciclo Mestre Mateo desenvólvese este ano en Marín, Mondariz, Salvaterra de Miño e Vilanova de Arousa. Ademais de “Xustiza artificial” e “Honeymoon”, no mes de outubro haberá nestes concellos proxeccións de curtametraxes, dos documentais “Aurora”, “Salvaxe, salvaxe”, “Prefiro condenarme” e “Filmei paxaros voando”, e das longametraxes “As Neves” e “+Cuñados”.



