O IES Salvaterra de Miño acollerá este mércores unha proxección do documental “Filmei paxaros voando” para o alumnado do centro
Os documentais “Aurora” e “Salvaxe, salvaxe” proxectaranse o venres 24 de outubro na Casa da Cultura ás 20:00 e ás 21:00 horas, respectivamente
O ciclo, no que a institución provincial colabora coa Academia Galega do Audiovisual, chegará tamén aos concellos de Marín, Mondariz e Vilanova de Arousa
Salvaterra de Miño acolle esta semana tres citas co mellor audiovisual galego da man do Ciclo Mestre Mateo, unha iniciativa impulsada pola Deputación de Pontevedra e a Academia Galega do Audiovisual para achegar as longametraxes de ficción e documentais finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos da provincia. Este mércores, 22 de outubro, o alumnado do IES Salvaterra de Miño gozará da proxección do documental “Filmei paxaros voando”, de Zeltia Outeriño; mentres que o venres 24 de outubro a Casa da Cultura acollerá as proxeccións dos documentais “Aurora”, de Area Erina, y “Salvaxe, salvaxe”, de Emilio Fonseca, ás 20:00 e 21:00 horas, respectivamente.
“Filmei paxaros voando” conta o retorno a Galicia da súa directora Zeltia Outeriño e o seu reencontro coa súa nai Socorro. O repentino empeoramento na saúde de Socorro cambia a mirada de Zeltia, que comeza un camiño de volta a casa complexo, pero tamén cheo de amor, coidados e curación. Pola súa banda, “Aurora” amósanos como a súa directora Area Erina e a súa protagonista Aurora Álvarez, establecen unha forte relación de intimidade e confianza, a pesar de ser mulleres procedentes de mundos totalmente dispares e cunha gran diferenza de idade. Por último, “Salvaxe, salvaxe” rastrexa imaxes e ausencias do lobo ibérico nos montes da Galicia e do norte de Portugal, atravesa un conto cargado de mitoloxía popular e enfróntase a unha historia audiovisual feita de imaxes-simulacro do natural e salvaxe.
A programación da nova edición do Ciclo Mestre Mateo desenvólvese este ano en Marín, Mondariz, Salvaterra de Miño e Vilanova de Arousa. Ademais de “Filmei paxaros voando”, “Aurora” e “Salvaxe, salvaxe”, no mes de outubro en Salvaterra de Miño haberá outra proxección para o alumnado do IES Salvaterra de Miño do documental “Prefiro condenarme” (29 de outubro).