HomePontevedraA ParadantaA Deputación leva este domingo a Crecente o circuíto +Escénicas cunha obra...

A Deputación leva este domingo a Crecente o circuíto +Escénicas cunha obra de teatro sobre a saúde mental

- Anuncio -spot_img

“Neura, unha comedia neurótico-festiva”, de Ste Xeito Produccións, representarase ás 20:00 horas no Auditorio municipal

+Escénicas é o circuíto da institución provincial que leva unha completa programación de teatro e danza aos concellos de menos de 20.000 habitantes

A Deputación de Pontevedra leva este domingo 10 de agosto o circuíto +Escénicas ao concello de Crecente da man da obra de teatro “Neura, unha comedia neurótico-festiva”, a cargo de Ste Xeito Produccións. Trátase dunha actuación enmarcada na segunda edición desta iniciativa provincial, que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia cun orzamento de 195.000 euros, 45.000 euros máis que na súa primeira convocatoria.

“Neura, unha comedia neurótico-festiva”, que se representará no Auditorio municipal ás 20:00 horas, é unha comedia que aborda a saúde mental e cuxos protagonistas conviven con teimas propias e alleas. Algunhas intentan agochalas, outras exhíbenas orgullosos, en ocasións búscanlles tratamento, pero sempre sofren por elas. Edu e Sonia viviron no pasado unha historia de amor e desamor que rematou por mor deses pequenos trastornos. Non son amigos nin amantes, senón ex, de quen saben ata o seu grupo sanguíneo pero actúan como perfectos descoñecidos. Os azares da vida fan que volvan atoparse en distintas circunstancias e teñen que poñer a proba de novo a compatibilidade das súas neuras.

Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta á demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira edición, entre abril de 2025 e marzo de 2026 representaranse un total de 136 funcións, escollidas entre un catálogo de espectáculos dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra, en 50 concellos da provincia de Pontevedra.

Publicacións Relacionadas