A peza teatral, para público infantil, poderá verse ás 17:00 horas na Praza da Constitución da vila como parte da programación da XXVI Festa do Lacón con Grelos
+Escénicas trátase dun circuíto de teatro e danza promovido pola Deputación apra os concellos de menos de 20.000 habitantes, que na súa segunda edición contará con 195.000 euros
A Deputación de Pontevedra leva este domingo 9 marzo o teatro ao Concello de Cuntis cunha actividade enmarcada no circuíto +Escénicas, co que a institución provincial apoia a programación de espectáculos de artes escénicas nos municipios de menos de 20.000 habitantes da provincia, e cuxa segunda edición acaba de ser convocada cun orzamento de 195.000 euros fronte aos 150.000 euros da primeira. Esta función correspóndese á programación do primeiro circuíto, que completará a súa andaina este mes de marzo tras percorrer 49 concellos.
En Cuntis representarase, ás 17:00 horas na Praza da Constitución, “Máis ritmo”, do Trío Detrés, como parte da programación da XXVI Festa do Lacón Con Grelos. “Máis ritmo” é un espectáculo versátil no que a música e o ritmo son protagonistas, mesturado con rutinas e gags cómicos e para todos os públicos. O Trío Detrés combina temas propios, versións de cancións populares e divertidos arranxos nun programa que transita por todos os estilos: latino, clásico, jazz, swing e bandas sonoras, nunha sucesión de situacións cheas de humor, de improvisación, de solucións disparatadas, pero sempre acompañadas pola mellor música.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación busca dar resposta á demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. A cada concello corresponderalle no segundo ciclo do circuíto unha achega máxima de 3.800 euros para financiar ata cinco espectáculos, incluídos nun amplo catálogo de danza e teatro posto á súa disposición (e dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra).