“O Cachimóbil”, da compañía Títeres Cachirulo, representarase ás 19:00 horas na Praza do Concello
+Escénicas é o circuíto da institución provincial que leva unha completa programación de teatro e danza aos concellos de menos de 20.000 habitantes
A Deputación de Pontevedra leva este domingo 17 de agosto o circuíto +Escénicas a Pazos de Borbén da man do espectáculo de monicreques “O Cachimóbil”, a cargo da compañía Títeres Cachirulo. Trátase dunha actuación enmarcada na segunda edición desta iniciativa provincial, que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia cun orzamento de 195.000 euros, 45.000 euros máis que na súa primeira convocatoria.
“O Cachimóbil” chegará á Praza do Concello ás 19:00 horas cunha barranca rodante na que se poden representar tres espectáculos diferentes: “A cabeza do dragón”, “Camiño de aventuras” e “Campo de estrelas”. Nelas, as personaxes loitarán contra monstros do mar Mediterráneo e atravesarán duras tormentas no Atlántico ata chegar ás sosegadas rías galegas, onde as esperan os soldados de Roma.
Creada en 1985, a compañía Títeres Cachirulo está caracterizada pola produción de espectáculos nos que adoitan mesturar textos clásicos con outros de autoría propia e unha gran variedade técnica como marionetas de fío, bunraku (marionetas xaponesas), monicreques, sombras, obxectos e teatro da rúa.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta á demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira edición, entre abril de 2025 e marzo de 2026 representaranse un total de 136 funcións, escollidas entre un catálogo de espectáculos dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra, en 50 concellos da provincia de Pontevedra.