O espectáculo “Boa sorte, mala fama” representarase a cargo da compañía Tarabela Creativa no Auditorio municipal ás 19:00 horas
+Escénicas é o circuíto da institución provincial que leva unha completa programación de teatro e danza aos concellos de menos de 20.000 habitantes
A Deputación de Pontevedra leva este domingo 26 de outubro o circuíto +Escénicas ao Concello de Cambados da man dunha obra de teatro sobre a emigración a cargo da compañía Tarabela Creativa. Trátase dunha actuación enmarcada na segunda edición desta iniciativa provincial, que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia cun orzamento de 195.000 euros, 45.000 euros máis que na súa primeira convocatoria.
“Boa sorte, mala fama” representarase no Auditorio municipal a partir das 19:00 horas e está pensada para público adulto. Esta peza teatral fai un percorrido a través de diferentes épocas e persoas para contar a historia máis incómoda da nosa emigración. Trátase dunha traxicomedia en tres actos: acto primeiro, os tratos; acto segundo, os maltratos; e acto terceiro, os retratos; que emprega para conseguir transmitir a mensaxe tres disciplinas: a narración oral, que será o fío condutor; a música ao vivo; que fará que o público se traslade a aquelas outras realidades e sensacións; e a interpretación das actrices, coa que se poñerá corpo ás palabras. Deste xeito, son tres as mulleres que sairán a escena en Cambados para representar, cada unha desde a súa disciplina, o rostro menos institucional da emigración galega.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira edición ata marzo de 2026 representaranse un total de 136 funcións, escollidas entre un catálogo de espectáculos dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra, en 50 concellos da provincia de Pontevedra.



