A actriz Isabel Risco representará o espectáculo “Bravas” no Auditorio municipal ás 18:00 horas
+Escénicas é o circuíto da institución provincial que leva unha completa programación de teatro e danza aos concellos de menos de 20.000 habitantes
A Deputación de Pontevedra leva este domingo 5 de outubro o circuíto +Escénicas ao concello de Catoira da man dunha obra de teatro sobre a historia das mulleres galegas a cargo da actriz Isabel Risco. Trátase dunha actuación enmarcada na segunda edición desta iniciativa provincial, que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia cun orzamento de 195.000 euros, 45.000 euros máis que na súa primeira convocatoria.
O peza teatral “Bravas” representarase no Auditorio municipal a partir das 18:00 horas e está pensada para público adulto. Isabel Risco ofrécenos un espectáculo unipersonal no que nos aporta a súa particular visión sobre as mulleres galegas e a súa historia. Unha historia á que é preciso darlle visibilidade. Deste xeito, Risco amosará no escenario de Catoira a mulleres sen medo que forman parte dun valoroso clan e que constrúen cos alicerces da ilusión, do inconformismo, da valentía, da xustiza social, da rebeldía e da rebelión.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira edición, entre abril de 2025 e marzo de 2026 representaranse un total de 136 funcións, escollidas entre un catálogo de espectáculos dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra, en 50 concellos da provincia de Pontevedra.