HomeTabeirósCerdedo - CotobadeA Deputación leva este domingo o ciclo +Escénicas a Cerdedo-Cotobade cun espectáculo...

A Deputación leva este domingo o ciclo +Escénicas a Cerdedo-Cotobade cun espectáculo de pompas xabón para todos os públicos

- Anuncio -spot_img

O espectáculo “Os fabulosos cleaners” representarase a cargo da compañía de teatro Malasombra no Centro sociocultural de Tenorio ás 19:00 horas

+Escénicas é o circuíto da institución provincial que leva unha completa programación de teatro e danza aos concellos de menos de 20.000 habitantes

A Deputación de Pontevedra leva este domingo 21 de setembro o circuíto +Escénicas ao concello de Cerdedo-Cotobade da man dun espectáculo familiar de pompas de xabón a cargo da compañía de teatro Malasombra. Trátase dunha actuación enmarcada na segunda edición desta iniciativa provincial, que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia cun orzamento de 195.000 euros, 45.000 euros máis que na súa primeira convocatoria.

O espectáculo “Os fabulosos cleaners” de Malasombra representarase no Centro sociocultural de Tenorio a partir das 19:00 horas e está pensado para todos os públicos. Trátase dunha extraordinaria experiencia visual con pompas de xabón, creada por Luis Beviá e Xoque Carbajal, dirixida por Marcos Orsi e Xoque Carbajal e interpretada por Xoque e Jouse García. Esta espectacular proposta conta como dous operarios da limpeza do teatro  descobren por casualidade as múltiples posibilidades que lles ofrecen as súas ferramentas de traballo combinadas con auga e xabón. Os personaxes emprenderán así unha excitante viaxe conducidos polas fantásticas burbullas: pompas transparentes, con fume, con vapor, pequenas, grandes, estáticas ou voando polo escenario. Os espectadores de Cerdedo-Cotobade camiñarán da man destes personaxes por un mundo máxico, cheo de cor e moito humor.

Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira edición, entre abril de 2025 e marzo de 2026 representaranse un total de 136 funcións, escollidas entre un catálogo de espectáculos dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra, en 50 concellos da provincia de Pontevedra.

Publicacións Relacionadas