“Neura, unha comedia neurótico-festiva”, da compañía De Ste Xeito Producións, representarase ás 21:00 horas no auditorio da sala multiúsos
+Escénicas é un novo circuíto da institución provincial, que na súa segunda edición contará con 195.000 euros, cunha completa programación de teatro e danza para os concellos de menos de 20.000 habitantes
A Deputación de Pontevedra leva este domingo 16 de marzo o circuíto +Escénicas ao concello de Moraña cun espectáculo de teatro enmarcado nesta iniciativa da institución provincial que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia. Esta peza teatral correspóndense co fin do primeiro +Escénicas, pero a segunda edición xa está en marcha cun orzamento de 195.000 euros, fronte aos 150.000 euros da primeira convocatoria.
“Neura, unha comedia neurótico-festiva”, da compañía De Ste Xeito Producións, representarase ás 21:00 horas na sala multiúsos de Moraña. Esta comedia aborda a saúde mental cuns protagonistas que conviven con teimas propias e alleas. Algunhas intentan agochalas, outras exhíbenas orgullosos, en ocasións búscanlles tratamento, pero sempre sofren por elas. Edu e Sonia viviron no pasado unha historia de amor e desamor que rematou por mor deses pequenos trastornos. Non son amigos nin amantes, senón ex, de quen saben ata o seu grupo sanguíneo pero actúan como perfectos descoñecidos. Os azares da vida fan que volvan atoparse en distintas circunstancias e teñen que poñer a proba de novo a compatibilidade das súas neuras.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación busca dar resposta á demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. A cada concello corresponderalle no segundo ciclo do circuíto unha achega máxima de 3.800 euros para financiar ata cinco espectáculos, incluídos nun amplo catálogo de danza e teatro posto á súa disposición (dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra). A partir deste mesmo luns 17 de marzo, os concellos xa poderán solicitar os novos espectáculos.