“Tavole”, de Circo Chosco, representarase ás 20:30 horas na Praza Massó
+Escénicas é o circuíto da institución provincial que leva unha completa programación de teatro e danza aos concellos de menos de 20.000 habitantes
A Deputación de Pontevedra leva este martes 12 de agosto o circuíto +Escénicas ao concello de Bueu da man do espectáculo circense “Tavole”, a cargo de Circo Chosco. Trátase dunha actuación enmarcada na segunda edición desta iniciativa provincial, que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia cun orzamento de 195.000 euros, 45.000 euros máis que na súa primeira convocatoria.
“Tavole” representarase na Praza Massó ás 20:30 horas e trátase dun espectáculo que xira en torno a dúas personaxes, cun ritmo vertixinoso e un montón de mesas que os levarán a situacións tan cotiás como surrealistas. Nelas aparecerán a acrobacia, as técnicas aéreas, a maxia e o humor. Coa velocidade do día a día e o estrés, que non deixa pensar e reflexionar, é cando as cousas máis sinxelas da vida se poden complicar. A proposta de Circo Chosco é unha tola e divertida aventura onde o público familiar tamén será partícipe do espectáculo.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta á demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira edición, entre abril de 2025 e marzo de 2026 representaranse un total de 136 funcións, escollidas entre un catálogo de espectáculos dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra, en 50 concellos da provincia de Pontevedra.