“As nosas letras”, do Mago Teto, representarase o martes 13 de maio ás 11:00 horas no CEIP A Lama
+Escénicas é o circuíto da institución provincial que leva unha completa programación de teatro e danza aos concellos de menos de 20.000 habitantes
A Deputación de Pontevedra leva este martes 13 de maio o circuíto +Escénicas ao concello da Lama da man do espectáculo infantil “As nosas letras”, a cargo do Mago Teto. Trátase dunha actuación enmarcada na segunda edición desta iniciativa provincial, que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia cun orzamento de 195.000 euros, 45.000 euros máis que na súa primeira convocatoria.
O espectáculo “As nosas letras”, que se representará no CEIP A Lama ás 11:00 horas, é unha homenaxe á cultura, a tradición e os costumes galegos a partir dunha escolma de pezas destacadas da nosa literatura que van desde o Medievo ata as letras de cancións contemporáneas, pasando polos séculos escuros, o Rexurdimento e todos os acontecementos do século XX que tiveron repercusión na lingua. O espectáculo unirá a maxia coas letras para ilusionar e divulgar en galego e espertar o coñecemento histórico e contemporáneo na nosa lingua, recompoñendo as cantigas de Afonso X ou facendo aparecer os debuxos de Castelao.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta á demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira edición, entre abril de 2025 e marzo de 2026 representaranse un total de 136 funcións, escollidas entre un catálogo de espectáculos dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra, en 50 concellos da provincia de Pontevedra.