María do Ceo actuará na Praza do Concello ás 20:00 horas, mentres que o espectáculo circense “O último que apague a luz” de A Vela Circo terá lugar na Praza da Randulfa ás 18:30 horas
A Deputación de Pontevedra enche Agolada de cultura este sábado 9 de agosto a través dun concerto de María do Ceo e o espectáculo “O último que apague a luz” de A Vela Circo, que se celebrarán no marco dos programas provinciais +Música e +Escénicas. A actuación musical da recoñecida cantante terá lugar na Praza do Concello ás 20:00 horas, mentres que a peza circense se interpretará na Praza da Randulfa ás 18:30 horas.
Nada no Porto (Portugal) e afincada en Galicia, María do Ceo leva máis de 25 anos de carreira musical e 17 discos no mercado sendo o máis recente “Galicia nai”, un traballo comprometido coa lingua galega e coa violencia de xénero. No escenario de Agolada a cantante interpretará poesías de autores galegos como Rosalía de Castro, Xosé Neira Vilas, Armando González, Carvalho Calero, Xosé Velo, Manuel María ou Ramón Cabanillas.
Pola súa banda, a compañía galego-arxentina A Vela Circo naceu en 2020 para ofrecer un espectáculo de circo baseado no absurdo e na poética do caos do noso tempo. A peza “O último que apague a luz”, que interpretarán este sábado, reflexiona sobre o por que de certas tradicións a partir do universo creado por dous pallasos que deciden casar. Trátase dun espectáculo para todos os públicos.
O concerto de María do Ceo é unha das 78 actuacións de +Música que se celebrarán entre os meses de maio e decembro nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Este programa provincial ten un orzamento de 700.000 euros, 100.000 euros máis que na pasada edición, cos que a Deputación aboa os custos de caché dos espectáculos e impulsa a reputación de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. A través de +Música, a institución provincial aposta pola descentralización da cultura e a programación de actos culturais de calidade.
Ademais, co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta á demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira edición, entre abril de 2025 e marzo de 2026 representaranse un total de 136 funcións, escollidas entre un catálogo de espectáculos dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra, en 50 concellos da provincia de Pontevedra.