Treixadura actuará ás 22:30 horas na Carballeira de Turbela, en Arbo, no marco da XXX Festa da Lamprea Seca;, mentres que a Orquestra de Cámara Galega o fará a partir das 22:00 horas na Igrexa de San Pedro, en Crecente
+Música está dotado este ano de 700.000 €, 100.000 € máis que o pasado ano, para colaborar cos concellos na súa programación cultural e difundir e fomentar a lingua e cultura galegas
A Deputación de Pontevedra leva este sábado 6 de agosto un concerto de Treixadura a Arbo no marco da XXX Festa da Lamprea Seca e outro da Orquestra de Cámara Galega a Crecente. Ambos os dous están enmarcados na nova edición de +Música, o programa provincial que colabora cos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para apoiar a súa programación cultural e, con isto, difundir e fomentar a lingua e a cultura galegas. As actuacións terán lugar na Carballeira de Turbela ás 22:30 horas e na Igrexa de San Pedro ás 22:00 horas, respectivamente.
Treixadura leva aos escenarios un espectáculo de canto e gaita que eleva a música tradicional ao máis alto nivel artístico. A súa actuación en Arbo é unhas das citas coas que despide “Camiño longo”, o seu último traballo discográfico publicado en 2022 e no que se recollen as tres décadas de vida do grupo.
A Orquestra de Cámara Galega fundouse en 1995 por Rogelio Groba Otero, director-concertino, e Clara Groba, violonchelista principal e solista. Integrada tamén por músicos formados en diversos conservatorios europeos, en Crecente interpretará un amplo repertorio musical que abarca desde o barroco ata os nosos días, incluíndo compositores galegos.
O concerto de Treixadura e da Orquestra de Cámara Galega son dúas das 78 actuacións de +Música que se celebrarán entre os meses de maio e decembro nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Este programa provincial ten un orzamento de 700.000 euros, 100.000 euros máis que na pasada edición, cos que a Deputación aboa os custos de caché dos espectáculos e impulsa a reputación de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. A través de +Música, a institución provincial aposta pola descentralización da cultura e a programación de actos culturais de calidade.