A cantante actuará na Igrexa de Santa María de Pazos ás 21:00 horas
+Música está dotado este ano de 700.000 €, 100.000 € máis que o pasado ano, para colaborar cos concellos na súa programación cultural e difundir e fomentar a lingua e cultura galegas
A Deputación de Pontevedra leva este sábado 16 de agosto a Pazos de Borbén un concerto de María do Ceo enmarcado na nova edición de +Música, o programa provincial que colabora cos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para apoiar a súa programación cultural e, con isto, difundir e fomentar a lingua e a cultura galegas. A actuación terá lugar na Igrexa de Santa María de Pazos ás 21:00 horas.
Nada no Porto (Portugal) e afincada en Galicia, María do Ceo leva máis de 25 anos de carreira musical e 17 discos no mercado sendo o máis recente “Galicia nai”, un traballo comprometido coa lingua galega e coa violencia de xénero. No escenario de Pazos de Borbén a cantante interpretará poesías de autores galegos como Rosalía de Castro, Xosé Neira Vilas, Armando González, Carvalho Calero, Xosé Velo, Manuel María ou Ramón Cabanillas.
O concerto de María do Ceo é unha das 78 actuacións de +Música que se celebrarán entre os meses de maio e decembro nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Este programa provincial ten un orzamento de 700.000 euros, 100.000 euros máis que na pasada edición, cos que a Deputación aboa os custos de caché dos espectáculos e impulsa a reputación de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. A través de +Música, a institución provincial aposta pola descentralización da cultura e a programación de actos culturais de calidade.