HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación leva este sábado a Pazos de Borbén o programa provincial...

A Deputación leva este sábado a Pazos de Borbén o programa provincial +Música cunha actuación das Maimiñas

- Anuncio -spot_img

O grupo actuará ás 19:00 horas no Auditorio municipal no marco deste programa que, este ano, está dotado de 700.000 €, 100.000 € máis que no 2024, para colaborar cos concellos na súa programación cultural e difundir e fomentar a lingua e cultura galegas

A Deputación de Pontevedra leva este sábado 20 de decembro a Pazos de Borbén un concerto das Maimiñas enmarcado en +Música, o programa provincial que colabora cos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para apoiar a súa programación cultural e, con isto, difundir e fomentar a lingua e a cultura galegas. A actuación terá lugar ás 19:00 horas no Auditorio municipal.

As Maimiñas presentan en Pazos de Borbén un espectáculo didáctico-musical 100% en galego para toda a familia, titulado “Eu de maior non quero ser princesa”. O obxectivo é ensinar ao público infantil que cada quen pode ser o que desexe, independentemente da súa orixe, raza, idade, sexo ou calquera outro tipo de circunstancia persoal. As Maimiñas, sempre a través de cancións e teatro, poñen ás persoas asistentes en diferentes situacións para que a través da diversión se acheguen á diversidade. Os nenos e as nenas están en todo momento en movemento, bailando ou seguindo as explicacións das Maimiñas, pero tamén os pais e as nais poden participar activamente para desfrutar dun divertido momento en familia.

O concerto das Maimiñas é unha das 78 actuacións de +Música que se están a celebrar este ano nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Este programa provincial ten un orzamento de 700.000 euros, 100.000 euros máis que na pasada edición, cos que a Deputación aboa os custos de caché dos espectáculos e impulsa a reputación de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. A través de +Música, a institución provincial aposta pola descentralización da cultura e a programación de actos culturais de calidade.

Publicacións Relacionadas