Monoulious DOP actuarán no Parque Irmáns Dios Mosquera ás 22:00 horas no marco da Festa da Anguía e Mostra da Caña do País
+Música está dotado este ano de 700.000 €, 100.000 € máis que o pasado ano, para colaborar cos concellos na súa programación cultural e difundir e fomentar a lingua e cultura galegas
A Deputación de Pontevedra leva este sábado 30 de agosto a Valga un concerto de Monoulious DOP, enmarcado na nova edición de +Música, o programa provincial para apoiar a programación cultural dos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia e difundir e fomentar a lingua e a cultura galegas. A actuación terá lugar no Parque Irmáns Dios Mosquera ás 22:00 horas no marco da Festa da Anguía e Mostra da Caña do País.
Monoulious DOP naceron en 2012 como un proxecto musical único e exclusivo para Internet. A curiosidade de Ula e Mon, dous amigos de toda a vida, fixo que empezasen a publicar videoclips autoproducidos e que, coa forza das redes sociais, pronto contaasen co apoio do público. Este empuxe da xente é o que os incitou a montar unha banda en clave de rock formada por Beny á batería, Torroncho ao baixo, Carba e Pla ás guitarras e Ula e Mon ás voces. Na primavera de 2017 lanzaron o seu primeiro disco, un dobre LP baixo o nome de “LP Padre”. Detrás viñeron “Black album”, “Disco Disko” e o traballo que presentarán no escenario de Valga, “Chandal Metal Tour” con temas máis modernos e cunha estética retroactual influenciada por unha época de gran valor musical e persoal para a banda: os anos 2000.
O concerto de Monoulious DOP é unha das 78 actuacións de +Música que se celebrarán entre os meses de maio e decembro nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Este programa provincial ten un orzamento de 700.000 euros, 100.000 euros máis que na pasada edición, cos que a Deputación aboa os custos de caché dos espectáculos e impulsa a reputación de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. A través de +Música, a institución provincial aposta pola descentralización da cultura e a programación de actos culturais de calidade.



