O espectáculo “Jastac Japi Jolidais” representarase a cargo de Leti Da Taberna no Auditorio municipal da vila ás 20:00 horas
+Escénicas é o circuíto da institución provincial que leva unha completa programación de teatro e danza aos concellos de menos de 20.000 habitantes
A Deputación de Pontevedra leva este sábado 8 de novembro o circuíto +Escénicas ao concello da Illa de Arousa da man dun espectáculo que reflexiona sobre o tempo de lecer e as redes sociais a cargo de Leti Da Taberna. Trátase dunha actuación enmarcada na segunda edición desta iniciativa provincial, que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia cun orzamento de 195.000 euros, 45.000 euros máis que na súa primeira convocatoria.
O espectáculo “Jastac Japi Jolidais” representarase no Auditorio municipal a partir das 20:00 horas e responde a preguntas como se hoxe en día realmente desfrutamos do tempo de lecer, se viaxamos por pracer ou “postureo”, e se vivimos como queremos cando pasamos once meses ao ano desexando vacacións. Trátase dun monólogo de Leti Da Taberna, fiel ao seu estilo, en galego, inclusivo e con garantía de moitas risas. Con retranca e irreverencia, os espectadores da Illa de Arousa irán de vacacións polo mundo sen moverse do seu asento.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira edición, entre abril de 2025 e marzo de 2026 representaranse un total de 136 funcións, escollidas entre un catálogo de espectáculos dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra, en 50 concellos da provincia de Pontevedra.



