O espectáculo “De algo hai que morrer” representarase a cargo da compañía de teatro Malasombra no Auditorio municipal ás 22:00 horas
+Escénicas é o circuíto da institución provincial que leva unha completa programación de teatro e danza aos concellos de menos de 20.000 habitantes
A Deputación de Pontevedra leva este sábado 11 de outubro o circuíto +Escénicas ao concello de Mondariz da man dunha obra de teatro a cargo da compañía Malasombra. Trátase dunha actuación enmarcada na segunda edición desta iniciativa provincial, que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia cun orzamento de 195.000 euros, 45.000 euros máis que na súa primeira convocatoria.
O espectáculo “De algo hai que morrer” de Malasombra representarase no Auditorio municipal a partir das 22:00 horas e está pensado para todos os públicos. Trátase dunha conferencia fúnebre-cómico-teatral na que o profesor Jeckill e o profesor Hyde divulgan as súas investigacións sobre un tema que afecta ao cen por cen da poboación de todo o mundo sen distinción: a morte. Os profesores disertan, dramatizan e dan resposta a preguntas sobre temas relacionados co asunto principal, como a vida, a inmortalidade, os sinais, as maneiras de morrer, o asasinato, as guerras, o enterro ou a pena de morte, pero tamén sobre a vida que hai tras ela.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira edición, entre abril de 2025 e marzo de 2026 representaranse un total de 136 funcións, escollidas entre un catálogo de espectáculos dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra, en 50 concellos da provincia de Pontevedra.