O espectáculo “Quen dixo medo? Os divertidos espíritos de Samaín” representarase a cargo da compañía Barafunda na Igrexa da Pastoriza ás 18:00 horas
+Escénicas é o circuíto da institución provincial que leva unha completa programación de teatro e danza aos concellos de menos de 20.000 habitantes
A Deputación de Pontevedra leva este sábado 25 de outubro o circuíto +Escénicas ao concello de Vilanova de Arousa da man dun espectáculo sobre as historias da noite de Samaín a cargo da compañía Barafunda. Trátase dunha actuación enmarcada na segunda edición desta iniciativa provincial, que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia cun orzamento de 195.000 euros, 45.000 euros máis que na súa primeira convocatoria.
“Quen dixo medo? Os divertidos espíritos de Samaín” representarase na Igrexa da Pastoriza a partir das 18:00 horas e está pensado para o público familiar. Trátase dun espectáculo de animación, movemento e clown ambientado nas historias da noite do Samaín, no que dúas personaxes farán bailar as e os nenos asistentes e xogar a ser auténticos monstros. A través destes xogos musicais, a rapazada aprenderá a relacionarse e a comprender que ser diferente ás demais persoas non é malo.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira edición, entre abril de 2025 e marzo de 2026 representaranse un total de 136 funcións, escollidas entre un catálogo de espectáculos dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra, en 50 concellos da provincia de Pontevedra.