O concerto terá lugar a partir das 22:30 horas na Alameda
+Música está dotado este ano de 700.000 €, 100.000 € máis que o pasado ano, para colaborar cos concellos na súa programación cultural e difundir e fomentar a lingua e cultura galegas
A Deputación de Pontevedra leva este venres 22 de agosto ao Concello da Guarda un concerto de Roi Casal enmarcado na nova edición de +Música, o programa provincial que colabora cos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para apoiar a súa programación cultural e, con isto, difundir e fomentar a lingua e a cultura galegas. A actuación terá lugar na Alameda da Guarda e comezará a partir das 22:30 horas.
Roi Casal, un dos grandes expoñentes da actual música galega a nivel internacional e que comezou a súa proxección como arpista de Milladoiro durante unha década, porá sobre o escenario da Guarda as súas recentes producións en Estados Unidos xunto aos seus grandes éxitos. Ritmos latinos e o estilo pop máis puro dos seus inicios son a súa clave para ofrecer unha grande actuación musical ao vivo na que se xuntarán os temas máis exitosos da súa carreira cos máis recentes.
O concerto de Roi Casal na Guarda é unha das 78 actuacións de +Música que se celebrarán entre os meses de maio e decembro nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Este programa provincial ten un orzamento de 700.000 euros, 100.000 euros máis que na pasada edición, cos que a Deputación aboa os custos de caché dos espectáculos e impulsa a reputación de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. A través de +Música, a institución provincial aposta pola descentralización da cultura e a programación de actos culturais de calidade.