HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación leva este venres a Salvaterra de Miño o circuíto +Escénicas...

A Deputación leva este venres a Salvaterra de Miño o circuíto +Escénicas cun monólogo sobre a relación das persoas coas redes sociais

- Anuncio -spot_img

“Enredada”, de Leti da Taberna, representarase ás 21:00 horas na Praza do Concello

+Escénicas é o circuíto da institución provincial que leva unha completa programación de teatro e danza aos concellos de menos de 20.000 habitantes

A Deputación de Pontevedra leva este venres 22 de agosto o circuíto +Escénicas ao concello de Salvaterra de Miño da man do espectáculo de humor “Enredada”, a cargo de Leti da Taberna. Trátase dunha actuación enmarcada na segunda edición desta iniciativa provincial, que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia cun orzamento de 195.000 euros, 45.000 euros máis que na súa primeira convocatoria.

O monólogo de humor “Enredada” representarase na Praza do Concello ás 21:00 horas con entrada de balde. Nel, Leti da Taberna explorará a relación que mantemos as persoas coas redes sociais e como estas nos inflúen no noso día a día. A propia Leticia Miraz, taberneira “de nacemento” e con formación sociosanitaria, fíxose popular a raíz de comezar a publicar contidos en TikTok en 2020. O obxectivo deste espectáculo, en galego e con perspectiva feminista, é provocar que os espectadores se vexan reflexados coas situacións que presenta para que acaben rindo de si mesmos.

Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta á demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira edición, entre abril de 2025 e marzo de 2026 representaranse un total de 136 funcións, escollidas entre un catálogo de espectáculos dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra, en 50 concellos da provincia de Pontevedra.

Publicacións Relacionadas