O espectáculo “Pequenas grandes maxias” representarase a cargo do Mago Teto no CEIP Pío Cabanillas Gallas ás 16:00 horas
+Escénicas é o circuíto da institución provincial que leva unha completa programación de teatro e danza aos concellos de menos de 20.000 habitantes
A Deputación de Pontevedra leva este venres 24 de outubro o circuíto +Escénicas ao concello de Dozón da man dun espectáculo de maxia a cargo do Mago Teto. Trátase dunha actuación enmarcada na segunda edición desta iniciativa provincial, que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia cun orzamento de 195.000 euros, 45.000 euros máis que na súa primeira convocatoria.
“Pequenas grandes maxias” representarase no CEIP Pío Cabanillas Gallas a partir das 16:00 horas e está pensada para público infantil. Trátase dunha viaxe aos soños do mago Teto que fará aos espectadores de Dozón atravesar o espello do mundo real ao da fantasía para sentir unha serie de emocións únicas. Viaxes imposibles de elementos, ruletas rusas canto menos curiosas, predicións dos números dun sorteo de lotería moi peculiar, estrañas coincidencias e incluso o intento por parte do mago de explicar algún xogo poderanse ver nos 75 minutos de maxia e humor deste espectáculo, o mais persoal e novidoso do Mago Teto.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira edición, entre abril de 2025 e marzo de 2026 representaranse un total de 136 funcións, escollidas entre un catálogo de espectáculos dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra, en 50 concellos da provincia de Pontevedra.