O espectáculo “En Samaín toca… maxia!” representarase a cargo da compañía Magia en la Manga no Centro sociocultural de Pedornes ás 18:30 horas
+Escénicas é o circuíto da institución provincial que leva unha completa programación de teatro e danza aos concellos de menos de 20.000 habitantes
A Deputación de Pontevedra leva este venres 14 de novembro o circuíto +Escénicas ao Concello de Oia da man dun espectáculo de ilusionismo baseado no Samaín a cargo da compañía Magia en la Manga. Trátase dunha actuación enmarcada na segunda edición desta iniciativa provincial, que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia cun orzamento de 195.000 euros, 45.000 euros máis que na súa primeira convocatoria.
“En Samaín toca… maxia!” representarase no Centro sociocultural de Pedornes a partir das 18:30 horas e está pensada para público familiar. Esta proposta ofrecerá aos espectadores a oportunidade de pasalo de medo a través dun espectáculo cheo de maxia sorprendente, divertida e pensada para a ocasión, cunha posta en escena acorde con estas datas.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira edición ata marzo de 2026 representaranse un total de 136 funcións, escollidas entre un catálogo de espectáculos dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra, en 50 concellos da provincia de Pontevedra.



