A peza, para todos os públicos, poderá verse na igrexa da Pastoriza este domingo 27 de outubro ás 17:00 horas
+Escénicas trátase dun novo circuíto da institución provincial, dotado con 150.000 euros, que espallará unha completa programación de teatro e danza en 49 concellos da provincia
A Deputación de Pontevedra leva +Escénicas ata Vilanova de Arousa coa obra teatral “O cachimóbil” a cargo da compañía Títeres Cachirulo. A peza, para todos os públicos, poderá verse na igrexa da Pastoriza este domingo 27 de outubro ás 17:00 horas. +Escénicas trátase dun novo circuíto da institución provincial, dotado con 150.000 euros, que vai espallar unha completa programación de teatro e danza en 49 concellos da provincia ata marzo de 2025.
“O cachimóbil” é unha barranca rodante na que se poden representar tres espectáculos diferentes, “A cabeza do dragón”, “Camiño de aventuras” e “Campo de estrelas”. Nelas, os personaxes loitarán contra monstros do mar Mediterráneo e atravesarán duras tormentas no Atlántico ata chegar ás sosegadas rías galegas, onde os esperan os soldados de Roma. Creada en 1985, a compañía Títeres Cachirulo está caracterizada pola súa rica produción de espectáculos, nos que adoita combinar textos clásicos con outros de autoría propia dunha gran variedade técnica: marionetas de fío, bunraku (marionetas xaponesas), títeres, sombras, obxectos e teatro das rúa
Co circuíto +Escénicas, a Deputación busca dar resposta á demanda que o sector profesional ven facendo dende hai máis de 15 anos. Ao seu abeiro a cada concello correspóndelle unha achega máxima de 3.400 euros e para a súa posta en marcha a institución provincial lanzou un amplo catálogo de espectáculos de danza e teatro que está dispoñible na páxina web da Deputación de Pontevedra.