A mostra pode visitarse na sala Rosalía de Castro da sede viguesa da institución provincial e busca rememorar os recordos dos vellos cines e recupera testemuños da súa importancia social e cultural
A mostra itinerante da Deputación de Pontevedra “Cines de Pontevedra. Memoria dunha ilusión” ultima a súa estancia en Vigo. A exposición, que pode verse na sala Rosalía de Castro da sede viguesa da institución provincial ata o próximo venres, 10 de xaneiro, recupera os recordos dos vellos cinemas, aqueles de sala única que se espallaron ao longo do século XX polas cidades, vilas e localidades da provincia
Desta maneira, a mostra, promovida pola Deputación, comisariada por Jesús Ángel Sánchez e con fotografías de Xosé Castro, recupera testemuños da importancia social e cultural que tiña ir ao cine, desde os espazos e arquitecturas que foron acollendo o espectáculo ao conxunto de actividades, prácticas sociais e relacións artelladas nos tempos en que o cine era a principal forma de ocio. Ademais de restos materiais das vellas salas e dos documentos de arquivo, as vivencias arredor do espectáculo do cinema subsisten na memoria e nos recordos das últimas xeracións que coñeceron aqueles tempos. Deste xeito, o proxecto complétase coas memorias e vivencias de persoas da provincia, un traballo para o que se realizaron máis de 500 enquisas.
Despois do seu paso por Vigo, a onde chegou despois de estar en lugares como Pontevedra, Salvaterra de Miño, A Estrada ou Sanxenxo, a exposición ten previsto continuar o seu percorrido polos concellos da provincia neste 2025.