HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación mantén aberto ata o xoves 3 de xullo o prazo...

A Deputación mantén aberto ata o xoves 3 de xullo o prazo para solicitar as axudas destinadas á promoción do deporte de alto nivel da provincia, dotadas con 405.000 euros, un 50% máis que no 2024

- Anuncio -spot_img

As axudas poden solicitarse a través da sede electrónica da institución provincial e están destinadas a deportistas de alto nivel, de alto nivel con discapacidade e de alto nivel de base

A Deputación de Pontevedra mantén aberto ata o próximo xoves 3 de xullo o prazo para solicitar as axudas para a promoción do deporte de alto nivel da provincia, destinadas aos deportistas que acaden as distincións de DEPO_DAN (alto nivel), DEPO_DAN+ (con discapacidade) e DEPO_TALENTO (alto nivel de base). Esta liña está dotada con 405.000 euros, un 50% máis que no 2024, e as axudas poden solicitarse a través da sede electrónica da institución provincial.

As axudas DEPO_DAN, dirixidas a deportistas, adestradores, xuíces e árbitros da provincia con recoñecemento de alto nivel de Galicia ou de España, oscilan entre os 500 e os 2.000 euros, segundo a súa clasificación en copas e campionatos do mundo, de Europa, de España ou de Galicia. Deste xeito, obterán 2.000 € os que acadaron algún dos 3 primeiros postos en copas do mundo, 1.250 € os que conseguiran o 4º posto en copas do mundo ou os 3 primeiros en campionatos de Europa, 900 € os que alcanzaron o 4º posto en copas de Europa ou os 3 primeiros en campionatos de España, e 500 € os que obtiveron o 4º posto na copa de España ou os 3 primeiros na de Galicia.

Na modalidade DEPO_DAN+, para deportistas con discapacidade física, intelectual ou visual, as axudas oscilan entre os 1.000 e os 3.000 € tamén nos mesmos supostos que a categoría DEPO_DAN, pero aumentando as cantidades respectivamente aos 3.000, 2.000, 1.500 e 1.000 €. No caso de DEPO_TALENTO, para deportistas nados entre 2008 e 2013 que remataran nas tres primeiras posicións en campionatos de España ou que participasen en campionatos de Europa ou o mundo, as axudas abranguen entre os 500 e os 1.200 euros en función dos seguintes resultados: 1.200 € para os que alcanzaron os 3 primeiros postos en copas do mundo, 800 € para os que obtiveran o 4º posto en copas do mundo ou os 3 primeiros en campionatos de Europa, e 500 € e para os que conseguiran o 4º posto en campionatos de Europa ou os 3 primeiros en probas de España.

A través destas axudas, a Deputación recoñece o talento de base e profesional das e dos deportistas con plena dedicación á actividade, coas esixencias e esforzos derivados dela (viaxes, adestramentos, concentracións e as propias competicións) que poden supoñer en ocasións un obstáculo para o desenvolvemento axeitado de carreiras profesionais complementarias á deportiva. Con esta convocatoria, a institución provincial reforza o seu compromiso cos deportistas da provincia co obxectivo de contribuír á súa actividade competitiva e á súa preparación técnica.

Publicacións Relacionadas