O deputado provincial Ricardo Martínez visitou hoxe a instalación, na que a Deputación de Pontevedra investiu preto de 19.000 € e que contou con financiamento do programa DUS 5000, no marco do programa de rexeneración e reto demográfico do IDAE
O deputado provincial Ricardo Martínez acaba de realizar unha visita aos traballos de mellora de eficiencia enerxética que se realizaron no polideportivo e piscina municipal de Caldas de Reis. O proxecto, que consistiu na instalación de 40 paneis fotovoltaicos e xa está rematado, foi posible grazas a unha achega de 18.823 € da Deputación de Pontevedra a través do programa DUS 5000, no marco do programa de rexeneración e reto demográfico do IDAE.
O deputado deu conta dos traballos que Caldas de Reis levou a cabo con estes recursos e que permitiron unha instalación fotovoltaica de 21,00 kWp no edificio polideportivo e na piscina municipal, destinada á xeración de enerxía eléctrica para autoconsumo e cun sistema de medición e rexistro de potencia e datos solares. En concreto, trátase dunha edificación de planta baixa e tipoloxía nave, que conta con dúas zonas de cuberta exentas de sombra, con orientación este e oeste, e cunha inclinación de 5 graos. A súa superficie total bruta é duns 800 m2 e nela instaláronse dous campos de 20 paneis solares de silicio monocristalino. Con esta instalación, Caldas conseguiu un aforro enerxético de máis do 27% e un aforro económico de máis de 2.100 €, só nos oito últimos meses.
Ricardo Martínez lembrou que “a Deputación de Pontevedra fai fronte ás demandas dos concellos, achegando recursos como nunca antes se fixera, para que poidan facer realidade actuacións que transforman e modernizan as vilas da nosa provincia”. Neste eido, o deputado provincial subliñou actuacións como a desenvolvida en Caldas, “que reafirman o compromiso da Deputación coa conservación do medio natural e a nosa firme aposta pola eficiencia enerxética”.