A deputada de Memoria Histórica María Ortega subliña que é preciso poñer en valor a figura, obras e ideas dunha persoa que “loitou pola liberdade”
Hoxe presentouse unha pequena peza audiovisual sobre o discurso que Velo fixo no ‘Santa Liberdade’ para protestar polas ditaduras de Franco e Salazar
No día que se cumpren 60 anos da arenga de Xosé Velo no secuestro do ‘Santa María’ para protestar polas ditaduras de Franco e Salazar a Deputación de Pontevedra vén de anunciar a adquisición de parte do arquivo persoal do político galeguista. A deputada de Memoria Histórica María Ortega asegurou que a institución provincial quere difundir e poñer en valor a figura, obras e ideas dunha persoa “que loitou pola liberdade”, e anunciou a próxima publicación dun libro cunha escolma do material inédito adquirido, ademais da colaboración no documental ‘Xosé Velo en Vigo. A guerrilla antifranquista na provincia de Pontevedra’ dirixido por Aser Álvarez.
“Esta importante adquisición que demostra o compromiso da Deputación por poñer a disposición da cidadanía todo o material das persoas que traballaron e loitaron pola liberdade e que sufriron para que nós hoxe deamos pasiños para acadar unha democracia madura e sen complexos, e poidamos tomar as rendas do noso propio futuro. Debemos ter estas persoas como referente de cara a onde queremos camiñar e obxectivos que queremos construír como país”, subliñou a nacionalista.
Ortega explicou que as negociacións para dispoñer do arquivo de Pepe Velo co seu fillo Vitor, afincado en Sao Paulo, pecháronse a finais de 2019 grazas a Aser Álvarez. O material non chegou a Pontevedra ata case entrado o confinamento e dende estón estase a realizar un labor de inventario, catalogación e dixitalización para que os fondos poidan ser consultados a través do portal documental ‘Atopo’. Trátase de poemas, ensaios, artigos, cartas, documentos, fondos gráficos e audiovisuais relacionado coa actividade política e cultural de Velo.
“Cremos que xa é hora de socializar a figura e Pepe Velo”, apuntou a deputada, que adiantou que unha escolma dese material reunirase nunha publicación propia da Deputación que pretende saír á luz, como moi tarde, no ano 2022 coincidindo co 50 aniversario do seu pasamento.
A Deputación tamén realizará outras iniciativas para a difusión da figura de Velo,
como a colaboración no documental ‘Xosé Velo en Vigo. A guerrilla antifranquista na provincia de Pontevedra’ dirixido por Aser Álvarez, que está xa disponible na web de Arraianos Producións e tamén na canle de Youtube da Deputación. Así mesmo, foi distribuído xa entre os centros de ensino e bibliotecas municipais da provincia de Pontevedra posto que foi realizado con fins didácticos.
“Estas actuacións e iniciativas –dixo María Ortega- mostran unha vez máis a implicación e compromiso que a Deputación a través da área de Memoria Histórica ten coa recuperación da memoria para coñecer e aprender do noso pasado e transformar o presente para un futuro ilusionante que poña a Galiza no mapa, tanto polas ideas reformista como polo tecido cultural como pola potencialidade investigadora e económica”.
Pola súa banda, Aser Álvarez, agradeceu á deputada a sensibilidade da Deputación e da deputada “por facerse co patrimonio e o espolio persoal dun galegista histórico, un home de acción tremendamente descoñecido no seu país”. Subiñou que o material está agora a disposición do público, nunha oportunidade de iniciar novas investigacións: “Este proxecto non fixo máis que continuar e de cara ao 2022 estamos traballando en varias accións. (…) Velo foi un ser humano extraordinario, un galeguista histórico e un home que, precisamente por ter sido protagonista, ideólogo e organizador da toma do Santa María, veu eclipsados outros momentos da súa vida e traxectoria que son dignas de coñecer”.
Para conmemorar a efeméride da toma do Santa Liberdade Álvarez presentou tamén hoxe unha pequena peza audiovisual recreando o discurso-arenga que Xosé Velo fixo a bordo do trasatlántico para explicar á tripulación e á pasaxe cales eran os motivos da súa acción política. Franco e Salazar quixeron cualificalos de piratas mais “o dereito internacional demostrou que non”, subliñou o produtor. A peza pódese visualizar xa nas redes sociais da Deputación e tamén na canle de Vimeo de Arraianos Producións.
‘Arquivo Velo’
Xosé Velo foi un político e escritor nacido en Celanova en 1916. Foi secretario xeral do Consello Nacional da Federación de Mocidades Galeguistas en 1936, e logo da guerra foi detido en Vigo por actividades antifranquistas. Fuxiu a Portugal e dende alí trasladouse a Venezuela. En Caracas foi nomeado en 1956 presidente do Lar Gallego, en representación do que participou activamente no I Congreso da Emigración Galega.
En 1959 fundou o DRILL (Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación) cun grupo de exiliados españois e portugueses. A principios de 1961 dirixiu o secuestro do trasatlántico Santa María, acción de denuncia das ditaduras de España e Portugal.
Acollido como exiliado político polo goberno brasileiro instalouse xunto co seu fillo Vítor en Sao Paulo. Nesa cidade fundou unha librería e posteriormente a Editorial Nós, publicando as primeiras traducións da obra de Rosalía de Castro ó portugués.
Morreu en Sao Paulo en 1972.
O fondo adquirido pola Deputación está constituido por documentos en diferentes formatos, que son produto da actividade política e cultural de Velo Mosquera e que se poden agrupar en varios grupos.
Poemas: transcricións ou copias de manuscritos de preto de 50 poemas, escritos entre a década dos 30 e dos 70 e inéditos case todos, salvo algún publicado na revistas Nós, Cartafol de Poesía e outras revistas de Venezuela e Brasil; ensaios: dous textos inéditos ‘¡Muera España!, ¡Viva Hespaña! ‘ prólogo para a inauguración de Iberia, e ‘A lingua galega e a inauguración de Hespaña’; artigos: copias de varios artigos publicados na prensa de Venezuela (Boletín do Lar Gallego de Caracas¸ Tierra firme) e do Brasil; e textos e colaboracións en libros.
Mención expresa merece o apartado das cartas, onde destacan cartas de Celso Emilio Ferreiro (1969, 1971 e 1972) dirixidas a Velo – a última delas póstuma á súa viuva-. Todas elas son de moito interese, xa que Celso Emilio fala abertamente a Velo do que opina sobre a emigración galega en Caracas e as circunstancias que o levaron a escribir a súa obra ‘Viaxe ao país dos ananos’, o seu traballo literario en xeral e as súas opinións políticas. Tamén se inclúe unha carta do xeneral Humberto Delgado sobre as circunstancias previas e posteriores ó secuestro do Santa María.
Tamén hai documentos varios relacionados coa vida e actividade política de Velo, como o pasaporte, documentos relacionados co DRILL, documentos relacionados co secuestro do buque Santa María, e tamén recortes de prensa relacionados principalmente co Santa María
Son destacables as fotos persoais de Xosé Velo en Venezuela e Brasil e tamén os fondos audiovisuais, material relacionado con familiares, amigos e colaboradores e entrevistas con diferentes persoas en relación coa vida política e cultural de Xosé Velo e co secuestro do Santa María: Miguel Urbano, reporteiro de Paris-Match, Xavier Montanya, estudioso da súa vida e obra, Xosé Neira Vilas, Chelo Noya e outros persoeiros, vivos ou xa falecidos



