O goberno provincial sacou adiante tamén as bases reguladoras e convocatoria dun concurso para a selección de autores para a edición dun libro sobre a Vía da Prata que quere editar a Deputación
Aprobáronse tamén as bases reguladoras para a concesión de subvencións a entidades deportivas e entidades sen ánimo de lucro para a organización de eventos deportivos durante este ano
A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense vén de aprobar, na sesión celebrada esta mañá, un total de 18 asuntos que supoñen a mobilización de 784.524,3 euros en axudas directas a concellos, entidades deportivas e sen ánimo de lucro e par o Plan Anual de Publicacións correspondente ao exercicio 2025.
Precisamente, o Plan Anual de Publicacións estará dotado con 100.000 euros e contemplará dúas liñas de acción: por unha banda, as que se executan baixo concorrencia competitiva, cunha liña específica referida aos bens culturais específicos da provincia de Ourense e outra liña xeral. A segunda liña de acción contempla as publicacións que se editarán de xeito directo, dotada con 51.128,88 euros (dentro dese orzamento total de 100.000 euros), conformada pola edición das obras Anuario da Gaita nº39; Raigame nº52; o Xornal Raigame para a Romaría de Vilanova dos Infantes; dun libro sobre o escultor Ramón Conde; a reedición de “Chandrexa de Queixa. Patrimonio Natural”; de José Luis Míguez Rodríguez; a edición da obra gañadora do XXI Premio Pura e Dora Vázquez; e a edición dunha obra que este ano realizará por encargo a Deputación de Ourense e estará referida á Vía da Prata ao seu paso pola provincia. Precisamente, a Xunta de Goberno desta mañá aprobou tamén as bases reguladoras e convocatoria do concurso para a selección de autores para a edición desta publicación. O prazo de presentación abrirase o dia da publicación destas bases no Boletín Oficial da Provincia (BOP) e finaliza 15 días hábiles a partir desa publicación.
Na mesma sesión da Xunta de Goberno, aprobáronse tamén as bases reguladoras para a concesión de subvencións a entidades deportivas e entidades sen ánimo de lucro para a organización de eventos deportivos durante este ano. Contan cun orzamento de 80.000 euros e a contía das subvencións obxecto desta convocatoria consistirá nunha porcentaxe do orzamento da actividade, podendo acadar, como máximo, o 30% do custo estimado da actividade, non podendo superar, en ningún caso, a contía máxima de once mil euros por beneficiario (11.000,00 €). O prazo improrrogable de presentación iniciarase a partir da publicación da convocatoria regulada nestas bases na Base de Datos Nacional de Subvencións, e rematará o 30 de abril de 2025, sendo este o derradeiro día no que poderán presentarse validamente as solicitudes, que terán un límite de dúas por solicitante.
No que atinxe ás axudas directas para a cooperación con municipios e entidades, destináronse 597.524,3 euros. As entidades percibiron 108.000 euros (a Fundación Ramón González Ferreiro para a rehabilitación da Granxa en Valverde e a Agrupación de Interese Económico Ribeira Sacra Newt para as súas actividades), mentres que os municipios obtiveron 489.524,3 euros para diversas obras de novas infraestruturas, así como de mellora, mantemento e arranxos varios.