A institución provincial aproba actuacións en infraestruturas, saneamento, eficiencia enerxética e equipamentos municipais en 11 municipios e na Mancomunidade da Comarca de Ourense
A Deputación de Ourense aprobou na Xunta de Goberno celebrada o pasado 23 de marzo un conxunto de actuacións que mobilizan un investimento total de 423.825,59 euros, destinados á execución de proxectos en distintos concellos da provincia e na Mancomunidade de Municipios da comarca de Ourense.
Os acordos adoptados teñen como obxectivo reforzar a cooperación cos concellos e dar resposta ás necesidades reais do territorio, a través de actuacións que inciden directamente na mellora da calidade de vida da veciñanza.
Entre as intervencións aprobadas inclúense proxectos de mellora de camiños e viarios municipais, actuacións en infraestruturas de saneamento e abastecemento, iniciativas de eficiencia enerxética e alumeado público, así como investimentos en equipamentos e servizos municipais.
As axudas aprobadas benefician aos concellos de Beariz, Boborás, Castrelo de Miño, Cortegada, Cualedro, O Irixo, Lobeira, Montederramo, Riós, San Cibrao das Viñas e Vilar de Barrio, ademais da Mancomunidade Voluntaria de Municipios da Comarca de Ourense.
Deste xeito, e tal e como explicou o presidente provincial, Luis Menor, na rolda de prensa posterior á sesión da Xunta de Goberno, a institución provincial continúa a avanzar no seu compromiso cun modelo de provincia baseado na cooperación municipal, a cohesión territorial e o apoio aos concellos, especialmente aos de menor tamaño, facilitando a execución de proxectos que contribúen ao desenvolvemento equilibrado do territorio.



