HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación mobiliza esta semana 110 veciños de tres concellos da provincia...

A Deputación mobiliza esta semana 110 veciños de tres concellos da provincia coas saídas do programa +Convivencia

- Anuncio -spot_img

As persoas participantes visitarán enclaves da provincia como o Pazo de Señoráns e o Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro

A Deputación de Pontevedra continúa esta semana as saídas programadas ao abeiro de +Convivencia, con novas actividades que mobilizarán un total de 110 persoas chegadas desde os concellos de Cambados, A Estrada e Vigo. A veciñanza que estes días participa no programa visitará o Pazo de Señoráns e o Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro.

As saídas do programa +Convivencia comezan o xoves 20 de novembro con 30 persoas da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia (A Estrada) coñecendo os viñedos do Pazo de Señoráns e realizando unha cata. Este mesmo día outros 30 participantes da Asociación para a Promoción e Integración das Mulleres Galegas do Rural Agra (Cambados) repetirán a mesma actividade no Pazo de Señoráns. Por último, o domingo 23 de novembro 50 nais e pais do Colexio Público Santa Marina de Bece (Vigo) farán unha excursión ao Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro.

+Convivencia, cun crédito de 275.000 euros (un 25% máis que na primeira edición) que xa está esgotado, está a permitir que 229 entidades sen fins de lucro coñezan o patrimonio natural, artístico, etnográfico e cultural da provincia de Pontevedra. Neste ano, a Deputación ofertou un amplo catálogo de actividades relacionadas coa arqueoloxía, coa arquitectura civil, relixiosa ou popular, co Camiño de Santiago ou cos museos, entre moitas outras. Todas as propostas estaban abertas a entidades de iniciativa social, asociacións de mulleres, de maiores, veciñais e culturais ou tamén ANPA da provincia.

A Deputación concedeu a cada entidade unha axuda de ata 1.200 euros (o ano pasado as axudas máximas eran de mil euros) para que poidan xestionar e deseñar con total autonomía a súa actividade, favorecendo a contratación de empresas do tecido máis próximo e estimulando a economía local. Ademais, o número mínimo de persoas participantes en cada excursión é de 30, ou 20 no caso daquelas viaxes ou actividades nas que sexa necesario contratar autobuses e participen persoas con mobilidade reducida que precisen unha cadeira de rodas ou outras axudas técnicas.

Publicacións Relacionadas