HomeTabeirósA EstradaA Deputación mobiliza esta semana preto de 150 mulleres de 9 concellos...

A Deputación mobiliza esta semana preto de 150 mulleres de 9 concellos da provincia nos obradoiros de +Xuntas

- Anuncio -spot_img

+Xuntas é un programa provincial destinado a promover a igualdade a través de actividades formativas que chegarán durante o ano 2025 a entidades de 56 concellos

A Deputación de Pontevedra comeza esta semana novas actividades formativas do programa +Xuntas que mobilizarán un total de 9 colectivos doutros tantos concellos da provincia: Baiona, Caldas de Reis, Cambados, A Estrada, A Illa de Arousa, Lalín, Meis, O Porriño e Vigo. Un total de 146 mulleres de entidades sociais destas localidades iniciarán novas actividades formativas incluídas nunha iniciativa da Deputación que busca promover a igualdade, un dos grandes compromisos e obxectivos transversais do goberno da institución provincial.

Este luns 6 de outubro comezan as accións cun obradoiro de pilates para a Asociación de Mulleres Rurais O Marco de San Salvador (Meis), un de musicoterapia para a Asociación de Amas de Casa de Baiona, un de xardinería para a Asociación Veciñal da Terra de Guimarei (A Estrada) e un de conservación de alimentos, conservas e encurtidos para a Asociación de Amas de Casa Albariño (Cambados). Xa o mércores 8 as mulleres da Fundación Formavigo (Vigo) inician unha actividade de horta ecolóxica, as da Asociación Amas de Casa Rosais (O Porriño) unha de risoterapia e as da Asociación Mulleres Rurais Santa Lucía de Arco (Caldas de Reis) unha de conservación de alimentos, conservas e encurtidos. Por último, o xoves 9 de outubro a Asociación Mulleres Rurais San Vicente de Paul (A Illa de Arousa) coñecerá técnicas de arte floral e o venres 10 de outubro a Asociación Mulleres en Igualdade de Cercio (Lalín) realizarán un obradoiro de autocoidado.

No marco de +Xuntas este ano terán lugar 207 accións formativas dirixidas a entidades de 56 concellos da provincia que traballan na promoción das mulleres e apoiando o seu desenvolvemento. O programa ten un orzamento de 325.000 euros e chegará a máis de 5.000 mulleres, que puideron escoller entre 26 obradoiros encadrados en catro bloques temáticos relacionados coa tecnoloxía, a creatividade, o medio natural e a saúde.

Publicacións Relacionadas