HomeDeputaciónsDeputación OurenseA Deputación mobiliza máis de 1,6 millóns de euros nunha Xunta de...

A Deputación mobiliza máis de 1,6 millóns de euros nunha Xunta de Goberno centrada na cooperación cos concellos e no apoio ao tecido social

- Anuncio -spot_img

A institución provincial destina preto de 934.000 euros a 20 actuacións municipais e incrementa nun 70% as axudas ás entidades sociais, que alcanzan este ano os 600.000 euros

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou na súa sesión ordinaria de hoxe 22 asuntos cunha mobilización económica que supera os 1,6 millóns de euros, centrados fundamentalmente na cooperación cos concellos da provincia e no reforzo do apoio ao tecido social e deportivo.

O presidente da Deputación, Luis Menor, destacou na rolda de prensa convocada para informar destes acordos que esta sesión “reflicte con claridade as dúas prioridades da institución provincial: estar ao lado dos concellos e reforzar o apoio ás entidades sociais que traballan cada día pola mellora da vida das persoas”.

Axudas aos municipios

O primeiro gran bloque de acordos corresponde á cooperación cos concellos, cun total de 933.430,68 euros destinados a 20 actuacións municipais en localidades como Carballeda de Avia, Allariz, Leiro, Calvos de Randín, Castrelo de Miño, Cenlle, Melón, Oímbra, Petín, A Pobra de Trives, Pontedeva, Ramirás, A Rúa, Sandiás, Taboadela, Xunqueira de Espadanedo ou A Peroxa.

Estas actuacións permitirán acometer melloras en infraestruturas viarias, abastecemento e saneamento, acondicionamento de espazos públicos e rehabilitación de equipamentos culturais e sociais, proxectos que teñen un impacto directo na vida diaria da veciñanza.

Entre os proxectos aprobados destaca a achega de 250.000 euros para a construción do fogar residencial da Peroxa, unha infraestrutura social destinada a reforzar a atención ás persoas maiores no ámbito rural.

Tamén se inclúe unha actuación na Pobra de Trives, cun investimento de case 100.000 euros, para a reposición do pavimento na estrada de acceso a Piñeiro e San Fiz. Esta intervención permitirá renovar máis de 1,5 quilómetros de vía, cunha superficie de actuación superior aos 7.000 metros cadrados, mellorando a seguridade viaria e a comodidade da circulación nun vial moi utilizado polos veciños da zona.

Incremento do 70 % nas axudas ás entidades sociais

O segundo gran bloque da sesión céntrase no apoio ao tecido social e deportivo da provincia, cun investimento total de 680.000 euros. Neste ámbito aprobáronse as bases da convocatoria de subvencións para entidades sociais, cunha dotación de 600.000 euros, o que supón un incremento do 70 % respecto ao pasado ano, cando a contía destinada a esta liña foi de 350.000 euros.

Estas axudas permitirán financiar proxectos impulsados por asociacións e fundacións sen ánimo de lucro dirixidos a mellorar a saúde, a calidade de vida e a atención social de colectivos vulnerables da provincia. No exercicio anterior beneficiáronse desta convocatoria 56 entidades sociais.

A Xunta de Goberno aprobou tamén as bases da convocatoria de subvencións para a organización de eventos deportivos, cun orzamento de 80.000 euros, mantendo a mesma contía que en 2025. Estas axudas están destinadas a apoiar campionatos, carreiras, andainas, torneos ou outras probas deportivas organizadas por entidades da provincia, co obxectivo de fomentar unha práctica deportiva aberta e accesible para toda a cidadanía. As achegas poderán cubrir ata o 30 % do custo do evento, cun máximo de 11.000 euros por beneficiario.

Compromiso cos concellos e co benestar social

O presidente provincial subliñou que cada acordo aprobado nesta sesión “tradúcese en investimentos reais nos concellos e en máis oportunidades para as persoas da provincia”.

“Desde a Deputación de Ourense seguimos demostrando que somos unha administración útil, próxima aos municipios e comprometida co benestar social da provincia”, concluíu.

Publicacións Relacionadas