HomeDeputaciónsDeputación OurenseA Deputación mobiliza máis de 385.000 euros para cooperar con concellos, dinamizar...

A Deputación mobiliza máis de 385.000 euros para cooperar con concellos, dinamizar iniciativas culturais e mellorar os recursos de emerxencias

- Anuncio -spot_img

Os Blancos, A Mezquita, Parada de Sil, Arnoia, Cartelle, Castrelo do Val e Quintela de Leirado reciben axudas por un importe de máis de 210.800 euros, destinadas a colaborar coas necesidades concretas da súa xestión municipal

No ámbito cultural, a Xunta de Goberno da Deputación deu luz verde ás bases reguladoras das subvencións dirixidas a entidades sen ánimo de lucro para a organización de actividades culturais e recreativas ao longo de 2026, cunha dotación de 100.000 euros

A sesión serviu tamén para aprobar a convocatoria de axudas ás agrupacións de persoal voluntario de Protección Civil dos concellos da provincia, dotada con 75.000 euros, destinada a apoiar un servizo esencial para a seguridade da veciñanza

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou este luns un novo paquete de acordos que supón a mobilización de 385.850,61 euros destinados a reforzar o apoio aos concellos da provincia, impulsar a actividade cultural e mellorar os recursos dos servizos de emerxencias, consolidando a aposta do goberno provincial polo municipalismo, a cooperación institucional e a igualdade de oportunidades no conxunto do territorio.

Con este novo bloque de decisións, a Deputación de Ourense “continúa avanzando nunha estratexia centrada na proximidade, no municipalismo útil e na cohesión territorial, reforzando servizos públicos esenciais e garantindo igualdade de protección e oportunidades en toda a provincia”, tal e como explicou o presidente da Deputación na rolda de prensa convocada para informar destes acordos.

Xunto ás liñas de carácter provincial, a Xunta de Goberno autorizou achegas económicas por un importe de 210.850,61 euros a varios concellos da provincia (Os Blancos, A Mezquita, Parada de Sil, Arnoia, Cartelle, Castrelo do Val e Quintela de Leirado), destinadas a colaborar coas necesidades concretas da súa xestión municipal. Estes fondos permitirán actuar en ámbitos moi diversos, como a mellora e pavimentación de vías públicas, a renovación de instalacións deportivas e espazos de uso veciñal, a adecuación de locais para formación e emprego, a posta a punto de equipamentos vinculados aos servizos sociais —como residencias de maiores— ou actuacións orientadas a reforzar a estabilidade financeira das entidades locais.

Axudas para actividades culturais

No ámbito cultural, a Deputación deu luz verde ás bases reguladoras das subvencións dirixidas a entidades sen ánimo de lucro para a organización de actividades culturais e recreativas ao longo de 2026, cunha dotación de 100.000 euros, co obxectivo de seguir achegando programación de calidade aos municipios e dinamizar a vida social e cultural, especialmente no rural. O prazo improrrogable de presentación iniciarase a partir da publicación da convocatoria regulada nestas bases na Base de Datos Nacional de Subvencións, e rematará o 20 de marzo de 2026, sendo este o derradeiro día no que poderán presentarse validamente as solicitudes.

Apoio ás agrupacións de voluntarios de Protección Civil

A sesión serviu tamén para aprobar a convocatoria de axudas ás Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC), cunha partida de 75.000 euros, dirixida aos concellos de menos de 50.000 habitantes. O obxectivo desta liña é chegar ao 100 % das agrupacións activas na provincia, preto de medio cento, reforzando un servizo esencial para a prevención, a resposta ante emerxencias e a seguridade da veciñanza. O prazo para solicitalas remata o 20 de marzo.

Salienta o presidente provincial que Ourense é hoxe un referente en materia de emerxencias, sendo a única provincia galega que conta co mapa de emerxencias completamente cuberto, sen zonas de sombra, un fito no que xoga un papel fundamental o voluntariado de Protección Civil. “O voluntariado non substitúe ao profesional, pero é o primeiro intervinte. Nas aldeas máis remotas da provincia, o tempo de resposta é vida, e as AVPC son os nosos ollos e mans nese primeiro minuto crítico”, destacou o presidente provincial, Luis Menor.

Menor lembrou ademais que o goberno provincial instaurou estas axudas neste mandato, incrementándoas de forma progresiva desde os 60.000 euros iniciais ata os 75.000 euros actuais, o que supón un aumento do 25 %, coa finalidade de garantir que vivir no rural non signifique estar menos protexido. “Con estes recursos aseguramos que calquera veciño, viva en Melón ou na Mezquita, conte cun servizo de emerxencias digno”, subliñou.

Éxito nas axudas para actividades escénicas e musicais

No transcurso da sesión acordouse igualmente o peche e suspensión da convocatoria do concurso público para o fomento das actividades escénicas e musicais de 2026. O motivo foi que o éxito da convocatoria fixo que se esgotara o orzamento de 210.000 euros, mesma cantidade que se dispuxo o ano pasado. Tal e como explicou Menor, as bases foron aprobadas o 19 de xaneiro e o día 27, 8 días despois, esgotouse a partida polo alto número de solicitudes.

Publicacións Relacionadas