HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación mobilizará esta semana máis de 1.300 persoas de entidades de...

A Deputación mobilizará esta semana máis de 1.300 persoas de entidades de 12 concellos ao abeiro das novas saídas do plan +Convivencia

- Anuncio -spot_img

Serán 18 actividades que achegarán ás persoas participantes ata lugares tan singulares da nosa provincia como as illas Cíes, Ons, Sálvora, Tambo e Cortegada, o monte de Santa Tegra ou Os Pendellos de Agolada

A Deputación de Pontevedra continúa esta fin de semana as saídas programadas ao abeiro de +Convivencia, con 18 novas actividades das que desfrutarán 1.304 persoas da provincia a través de entidades do Porriño, Vigo, As Neves, Valga, Marín, Caldas de Reis, Arbo, O Grove, Poio, Salceda de Caselas, Vilaboa e Cuntis. A saída máis demandada é o domingo 29 de xuño ás illas Cíes (Vigo), á que asistirán desde Vilaboa 180 persoas da ANPA Riomaior.

As actividades comezan este xoves desde Vigo no Ecoparque Atalaia (Cerdedo) da que desfrutarán 35 participantes da Fundación Integra. O sábado 28 de xuño visitarán as illas Cíes desde Vigo 105 persoas da ANPA CEIP Celso Emilio Ferreiro, a illa de Ons (Bueu) outras 54 da Asociación de Amas de Casa Rosais do Porriño e o Parque Nacional das Illas Atlánticas 45 máis da Asociación de Veciños de Campelo de Poio. A xornada continúa con tres saídas desde Marín á illa de Sálvora (Ría de Arousa) con 55 veciños da Asociación Pardavila de San Juan, á illa da Toxa (O Grove) con 52 mulleres da Asociación de Amas de Casa e á illa de Tambo (Poio) con 100 participantes da Asociación Por Un Museo do Mar. Este destino tamén é o elixido por 55 persoas da Asociación de Xubilados e Pensionistas do Grove. Por outra banda, 55 usuarias da Asociación Albor (Valga) viaxarán a Deza-Tabeirós, 55 persoas da Asociación Cultural Evaristo de Sela (Arbo) ao Salnés, 50 mulleres da Asociación Chan dos Castiliños (As Neves) aos Pendellos de Agolada e 45 máis da Asociación Santa Mariña (Caldas de Reis) ao monte de Santa Tegra.  

As saídas complétanse o domingo 29 de xuño desde Salceda de Caselas cunha excursión en kayak e outra en barco á illa de Cortegada (Vilagarcía de Arousa) para 36 persoas da Asociación de Veciños Ameixoa e 30 máis do Centro Cultural e Social Castro Barreiro. Tamén son dúas as visitas á illa de Ons con 176 persoas da APA Colexio Amor de Dios (Vigo) e 83 da ANPA CPI Ribeira de Torneiros (Porriño). Por último, 93 persoas da Asociación Rural dos Veciños de Piñeiro (Cuntis) viaxarán ás illas Cíes.

O programa +Convivencia, cun orzamento de 275.000 euros (un 25% máis que os 220.000 euros da súa primeira edición), está a permitir que 229 entidades sen fins de lucro coñezan o patrimonio natural, artístico, etnográfico e cultural da provincia de Pontevedra. A Deputación oferta un amplo catálogo de actividades relacionadas coa arqueoloxía, coa arquitectura civil, relixiosa ou popular, co Camiño de Santiago ou cos museos, entre moitas outras. Todas as propostas están abertas a entidades de iniciativa social, asociacións de mulleres, de maiores, veciñais e culturais ou tamén ANPA da provincia.

O goberno provincial destina este ano a cada entidade unha axuda de ata 1.200 euros (o ano pasado as axudas máximas eran de mil euros) para que poidan xestionar e deseñar con total autonomía a súa actividade, favorecendo a contratación de empresas do tecido máis próximo e estimulando a economía local. Ademais, o número mínimo de persoas participantes en cada excursión é de 30, ou 20 no caso daquelas viaxes ou actividades nas que sexa necesario contratar autobuses e participen persoas con mobilidade reducida que precisen unha cadeira de rodas ou outras axudas técnicas.

Publicacións Relacionadas