As persoas participantes achegaranse a enclaves da provincia como a Illa de Tambo ou o parque da natureza de Cotorredondo
A Deputación de Pontevedra continúa esta semana as saídas programadas ao abeiro do programa provincial +Convivencia con dúas novas actividades que mobilizarán un total de 135 persoas chegadas desde os concellos de Poio e Vigo. A máis multitudinaria será a excursión da veciñanza de Poio, coa mobilización de 100 persoas este venres a través do Centro Cultural Ateneo de Corredoira que se achegarán á illa de Tambo para coñecer un dos enclaves turísticos máis descoñecidos da súa localidade. Ademais, outras 35 veciñas e veciños de Vigo visitarán este xoves o Parque da Natureza de Cotorredondo (Vilaboa) e a enseada de San Simón (Redondela) a través da Asociación Amicos.
+Convivencia, cun orzamento de 275.000 euros (un 25% máis que na primeira edición), está a permitir que 229 entidades sen fins de lucro coñezan o patrimonio natural, artístico, etnográfico e cultural da provincia de Pontevedra. A Deputación oferta un amplo catálogo de actividades relacionadas coa arqueoloxía, coa arquitectura civil, relixiosa ou popular, co Camiño de Santiago ou cos museos, entre moitas outras. Todas as propostas están abertas a entidades de iniciativa social, asociacións de mulleres, de maiores, veciñais e culturais ou tamén ANPA da provincia.
O goberno provincial concede a cada entidade unha axuda de ata 1.200 euros (o ano pasado as axudas máximas eran de mil euros) para que poidan xestionar e deseñar con total autonomía a súa actividade, favorecendo a contratación de empresas do tecido máis próximo e estimulando a economía local. Ademais, o número mínimo de persoas participantes en cada excursión é de 30, ou 20 no caso daquelas viaxes ou actividades nas que sexa necesario contratar autobuses e participen persoas con mobilidade reducida que precisen unha cadeira de rodas ou outras axudas técnicas.