HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación mobilizará esta semana preto de 250 veciños de 5 concellos...

A Deputación mobilizará esta semana preto de 250 veciños de 5 concellos da provincia coas saídas do programa +Convivencia

- Anuncio -spot_img

As persoas participantes visitarán enclaves da provincia como a Praia da Lanzada ou as illas de Tambo e Ons, practicarán kaiak na Illa de Arousa e coñecerán a tradicional Festa da Malla en Lalín

A Deputación de Pontevedra continúa esta semana as saídas programadas ao abeiro do programa provincial +Convivencia con novas actividades que mobilizarán un total de 244 persoas chegadas desde os concellos de Mos, Pontevedra, Redondela, O Rosal e Soutomaior. A máis multitudinaria será a excursión da veciñanza do Rosal, coa mobilización de 56 persoas este domingo 24 de agosto a través da súa Agrupación Musical e que se achegarán á Praia da Lanzada (O Grove).

As actividades comezan o sábado 23 de agosto coa visita á Illa de Tambo por parte de 53 veciños da  Asociación Cidadelle de Redondela. Ademais, 51 nais e pais do CEIP San Miguel de Marcón de Pontevedra realizarán unha ruta en kaiak pola Illa de Arousa, e 30 socios do Son dos Cantares de Mos coñecerán a tradicional Festa da Malla en Doade, Lalín. As saídas complétanse o domingo 25 de agosto coa viaxe á Illa de Ons de 54 mulleres da Asociación Anduriña de Arcade (Soutomaior).

+Convivencia, cun orzamento de 275.000 euros (un 25% máis que na primeira edición), está a permitir que 229 entidades sen fins de lucro coñezan o patrimonio natural, artístico, etnográfico e cultural da provincia de Pontevedra. A Deputación oferta un amplo catálogo de actividades relacionadas coa arqueoloxía, coa arquitectura civil, relixiosa ou popular, co Camiño de Santiago ou cos museos, entre moitas outras. Todas as propostas están abertas a entidades de iniciativa social, asociacións de mulleres, de maiores, veciñais e culturais ou tamén ANPA da provincia.

A Deputación concede a cada entidade unha axuda de ata 1.200 euros (o ano pasado as axudas máximas eran de mil euros) para que poidan xestionar e deseñar con total autonomía a súa actividade, favorecendo a contratación de empresas do tecido máis próximo e estimulando a economía local. Ademais, o número mínimo de persoas participantes en cada excursión é de 30, ou 20 no caso daquelas viaxes ou actividades nas que sexa necesario contratar autobuses e participen persoas con mobilidade reducida que precisen unha cadeira de rodas ou outras axudas técnicas.

Publicacións Relacionadas