Serán 10 actividades que achegarán ás persoas participantes ata lugares tan singulares da nosa provincia como a illa de San Simón e da Toxa, o castro de Santa Tegra, o Pazo de Lourizán ou os Pendellos de Agolada
A Deputación de Pontevedra continúa esta semana as saídas programadas ao abeiro de +Convivencia, con 10 novas actividades das que desfrutarán 485 persoas da provincia a través de entidades de Vigo, A Lama, Tui, Moraña, Caldas de Reis, Ponte Caldelas e Vilagarcía de Arousa. As tres saídas máis concorridas, con 55 persoas cada unha, realizaranse na fin de semana comezando polo sábado, desde Moraña, cando a Asociación de Mulleres Rurais O Menhir visitará a illa da Toxa. Ademais, o domingo sairán desde Vilagarcía de Arousa a Asociación Mulleres Rurais Anduriña de Sobradelo VI para facer unha excursión a Santa Trega, na Guarda, e tamén a Asociación Coral Rosalía de Castro para coñecer a illa de Tambo (Poio) e o Pazo de Lourizán (Pontevedra).
As actividades da semana comezarán mañá martes, 1 de xullo, con outra visita ao castro de Santa Trega por parte de 54 participantes da Fundación Juan Soñador de Vigo. +Convivencia seguirá o martes 2 con 40 persoas da Banda de Música Popular de Tui explorando a natureza en altura no Marikiná Park (Vigo) e, xa o venres 4, viaxarán á illa de San Simón 54 participantes da Fundación Aldaba (Vigo). O sábado 5 de xullo 46 usuarios da Asociación de Xubilados e Pensionistas de Caldas de Reis visitarán os Pendellos de Agolada, 45 mulleres da Asociación A Pícara (A Lama) coñecerán o Salnés e outras 35 mulleres da Asociación Aires del Norte y Olé (Ponte Caldelas) gozarán dun paseo marítimo pola costa do Grove. Por último, o domingo 6 de xullo 48 veciños de Vigo visitarán a illa de Toxa coa Asociación Feira de Cabral.
O programa +Convivencia, cun orzamento de 275.000 euros (un 25% máis que os 220.000 euros da súa primeira edición), está a permitir que 229 entidades sen fins de lucro coñezan o patrimonio natural, artístico, etnográfico e cultural da provincia de Pontevedra. A Deputación oferta un amplo catálogo de actividades relacionadas coa arqueoloxía, coa arquitectura civil, relixiosa ou popular, co Camiño de Santiago ou cos museos, entre moitas outras. Todas as propostas están abertas a entidades de iniciativa social, asociacións de mulleres, de maiores, veciñais e culturais ou tamén ANPA da provincia.
O goberno provincial destina este ano a cada entidade unha axuda de ata 1.200 euros (o ano pasado as axudas máximas eran de mil euros) para que poidan xestionar e deseñar con total autonomía a súa actividade, favorecendo a contratación de empresas do tecido máis próximo e estimulando a economía local. Ademais, o número mínimo de persoas participantes en cada excursión é de 30, ou 20 no caso daquelas viaxes ou actividades nas que sexa necesario contratar autobuses e participen persoas con mobilidade reducida que precisen unha cadeira de rodas ou outras axudas técnicas.