HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación mobilizará esta semana preto de 500 persoas de entidades de...

A Deputación mobilizará esta semana preto de 500 persoas de entidades de oito concellos ao abeiro das novas saídas do plan +Convivencia

- Anuncio -spot_img

Nove asociacións da provincia visitarán recursos turísticos como as illas Cíes, de Ons, Sálvora e A Toxa, a comarca de Deza ou a etnografía e a paraxe natural de Covelo

A Deputación de Pontevedra continúa esta semana as saídas programadas ao abeiro de +Convivencia, con nove actividades das que desfrutarán 449 persoas da provincia a través de entidades de Dozón, A Estrada, Gondomar, Moaña, Mos, Portas, Redondela e Vigo. A saída máis popular será a que levará a veciñanza á illa de Ons, que visitarán o sábado 56 persoas da Asociación de Desenvolvemento Social Ruliñas (Dozón) e 54 persoas da Asociación Cultural Candelas (Portas), e o domingo un grupo de 54 persoas da Asociación de Veciños do Barrio de Saramagoso (Redondela).

Tamén visitarán a illa de Ons xunto coa illa de Sálvora outros dous grupos, que sairán o domingo concretamente de Gondomar (40 persoas da Asociación Cultural San Roque de Morgadáns) e desde Redondela (54 persoas do Centro Social Cultural Recreativo e da 3ª Idade de San Vicente de Trasmañó).

Completan as saídas do sábado a excursión a Deza que realizarán 45 persoas da Asociación de Veciños San Mamede de Torroso (Mos), e as do domingo tres actividades: unha visita ao Grove, a illa da Toxa e Portonovo para 52 persoas da Asociación de Veciños Santa Apolonia de Guimarei (A Estrada), outra á etnografía e a paraxe natural de Covelo para 48 persoas da ANPA O Palomar da EEI do Con (Moaña) e, por último, unha visita ás illas Cíes para 46 usuarios da Asociación de Amigos de Venezuela de Vigo.

O programa +Convivencia, cun orzamento de 275.000 euros (un 25% máis que os 220.000 euros da súa primeira edición), está a permitir que 229 entidades sen fins de lucro coñezan o patrimonio natural, artístico, etnográfico e cultural da provincia de Pontevedra. A Deputación oferta un amplo catálogo de actividades relacionadas coa arqueoloxía, coa arquitectura civil, relixiosa ou popular, co Camiño de Santiago ou cos museos, entre moitas outras. Todas as propostas están abertas a entidades de iniciativa social, asociacións de mulleres, de maiores, veciñais e culturais ou tamén ANPA da provincia.

O goberno provincial destina este ano a cada entidade unha axuda de ata 1.200 euros (o ano pasado as axudas máximas eran de mil euros) para que poidan xestionar e deseñar con total autonomía a súa actividade, favorecendo a contratación de empresas do tecido máis próximo e estimulando a economía local. Ademais, o número mínimo de persoas participantes en cada excursión é de 30, ou 20 no caso daquelas viaxes ou actividades nas que sexa necesario contratar autobuses e participen persoas con mobilidade reducida que precisen unha cadeira de rodas ou outras axudas técnicas.

Publicacións Relacionadas