HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación obtén un novo recoñecemento para Cando Volves? no Amorgos Tourism...

A Deputación obtén un novo recoñecemento para Cando Volves? no Amorgos Tourism Film Festival de Grecia

- Anuncio -spot_img

A campaña turística da provincia de Pontevedra suma un novo galardón tralos premios en Cannes, Tortosa, Estados Unidos, Sudáfrica e Xapón

A Deputación de Pontevedra acaba de gañar un novo recoñecemento no Amorgos Tourism Film Festival de Grecia polo audiovisual da campaña Cando volves? Tras ser seleccionada entre numerosos vídeos promocionais de destinos de todo o mundo, este novo recoñecemento para a campaña turística da provincia súmase a outros xa acadados en Cannes, Tortosa, Estados Unidos, Sudáfrica e Xapón.

A institución provincial logrou posicionarse como finalista deste certame e acadar o galardón na categoría de Produto Turístico. O Amorgos Tourism Film Festival é un festival internacional organizado pola Asociación Cultural de Mulleres de Amorgos que premia as producións audiovisuais que destacan polo seu compromiso coa sostibilidade turística e por impulsar boas prácticas en canto á conservación do medio natural. O seu principal obxectivo é fomentar a creatividade e o impacto positivo do cinema na industria do turismo.

Cando volves? é unha obra audiovisual na que os lugares do interior da provincia teñen todo o protagonismo, dentro dunha campaña onde tamén se fala da hospitalidade e o carácter acolledor da xente da provincia. A Deputación escolleu este ano o interior de Pontevedra debido a que queda moito da provincia por descubrir, para así convidar a xente a achegarse a el en diferentes ocasións ao longo de todo o ano, tendo tamén en conta que a desestacionalización é un dos obxectivos principais do goberno provincial no marco da súa estratexia turística.

Feira Xantar

A Deputación de Pontevedra contará cun stand propio no Salón Internacional de Turismo Gastronómico Xantar que terá lugar en Ourense desde este xoves 20 de novembro e ata o domingo 23.  Para o organismo, a participación en Xantar é unha oportunidade única para amosar a posibles visitantes o gran potencial da provincia, cunha ampla oferta enogastronómica. Deste xeito, no evento, a institución provincial reforzará o posicionamento de Rías Baixas como destino, divulgando a oferta turística e avanzando na internacionalización e desestacionalización.

Publicacións Relacionadas