A Deputación oferta esta semana tres novas accións formativas no marco do seu programa de asesoramento tecnolóxico SmartPeme

adminON
Lectura mínima de 2

Os obradoiros centraranse en ciberseguridade, na información sobre axudas para autónomos e no uso de ferramentas de Intelixencia Artificial xenerativa

A Deputación de Pontevedra, a través do programa SmartPeme de asesoramento tecnolóxico para pemes e persoas autónomas, oferta esta semana tres novas accións formativas enmarcadas na súa carteira de obradoiros. As actividades formativas abordarán, de xeito telemático, cuestións relacionadas coa ciberseguridade, as axudas a autónomos e o emprego da Intelixencia Artificial.

A primeira acción formativa iníciase este luns 18 de marzo ás 10:30 horas, con “Ciberseguridade. Cifrado do PC, BitLocker”, a cargo do experto universitario en robótica, programación e impresión 3D Manuel Freire. A través deste obradoiro preténdese crear conciencia sobre a importancia do cifrado de datos e de como realizalo a través da ferramenta BitLocker.

O mércores 20 ás 11:00 horas, a técnica de asesoramento en trámites de axudas e subvencións a empresas María Agustina Pereira, dirixirá o taller “Axudas e subvencións para autónomos e pemes no 2024”. Trátase dunha acción formativa dirixida a espallar información sobre as axudas existentes para pór en marcha un negocio, para a súa consolidación e impulso, ou para a súa dixitalización.

O xoves 21, de 11:00 a 12:00 horas, inaugúrase un novo itinerario formativo sobre o manexo de ferramentas de intelixencia artificial. Neste caso será tamén Manuel Freire o docente encargado do obradoiro “Ferramentas de imaxe con IA – Stable Diffusion, Dall-E 3, outros modelos” a través do cal dará a coñecer como interactuar coa Intelixencia Artificial para xerar imaxes.

Comparte este artigo