HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación ofrece este mércores unha entrevista coa economista María Loureiro dentro...

A Deputación ofrece este mércores unha entrevista coa economista María Loureiro dentro do ciclo Ciencia en Feminino

- Anuncio -spot_img

A deputada de Igualdade, Sandra Bastos, asistirá a este encontro en liña enmarcado na programación de actividades da Deputación co gallo do 8M, agrupadas baixo o paraugas da campaña Malabares ata cando?

A Deputación de Pontevedra ofrece este mércores 19 de marzo o terceiro dos encontros do ciclo Ciencia en feminino, unha programación de charlas e mesas redondas en liña organizadas en colaboración con GCiencia que están a afondar na situación da muller na ciencia da man de investigadoras galegas de recoñecido prestixio. Neste caso, o encontro estará protagonizado por María Loureiro, economista e catedrática de Fundamentos de Análise Económica da Universidade de Santiago, que será presentada pola deputada de Igualdade, Sandra Bastos, e que se poderá seguir a través da canle de GCiencia en YouTube e tamén estará dispoñible a partir do día seguinte, o xoves 20, en formato pódcast.

Loureiro recibiu o pasado ano por unanimidade o Premio María Josefa Wonenburger Planells, entregado pola Unidade da Muller e da Ciencia da Xunta de Galicia, polo seu labor na investigación científica, concretamente na economía ambiental e dos recursos naturais. Un dos traballos máis destacados da economista é o estudo sobre a avaliación económica dos danos ambientais do Prestige, que foi utilizado pola Fiscalía no proceso de reclamación de danos. Tamén investiga o cambio climático, as preferencias polas políticas de mitigación e adaptación nos medios sociais.

Ciencia en feminino chegará ao seu fin o próximo mércores coa mesa redonda “Máis alá de Marie Curie. Como romper cos estereotipos da científica?”. O ciclo forma parte das actividades de Malabares ata cando?, a campaña coa que a Deputación de Pontevedra reivindica co gallo do Día Internacional das Mulleres a necesidade dunha corresponsabilidade real para que as mulleres non teñan que ser quen sacrifiquen as súas carreiras ou o tempo que poden dedicarse a si mesmas por mor dos coidados. Arredor desta campaña a institución provincial está a desenvolver ao longo de todo este mes preto dunha vintena de actividades, entre elas un concurso escolar, exposicións, obradoiros de sensibilización, actividades formativas ou foros de debate.

Publicacións Relacionadas