Home Deputacións Deputación Pontevedra A Deputación ofrecerá na Culturgal actividades centradas na música popular e tradicional...

A Deputación ofrecerá na Culturgal actividades centradas na música popular e tradicional arredor do lema “Unha provincia para cantar a cultura”

0
4

Entre os días 28 e 30 de novembro o Pazo da Cultura de Pontevedra acollerá concertos, obradoiros, proxeccións de documentais, presentacións de libros e unha nova edición das Xornadas Profesionais MUMI: Músicas no Minho

A Deputación de Pontevedra levará á Culturgal entre os días 28 de 30 de novembro unha ampla programación de actividades culturais arredor do lema “Unha provincia para cantar a cultura”. O obxectivo da institución provincial é destacar aqueles programas e actividades levadas a cabo ao longo do ano para achegar a todas as xeracións tanto a música profesional e amateur como a cultura tradicionais. Durante a fin de semana, o posto da Deputación así como o resto de espazos instalados no Pazo da Cultura de Pontevedra acollerán actividades organizadas ou patrocinadas pola Deputación nas que destacan concertos, obradoiros, presentacións de libros e de proxectos documentais ou tamén unha xornada para profesionais da música de Galicia e o norte de Portugal.

As actividades organizadas pola Deputación comezarán o sábado 29 ás 12:30 horas cun concerto das pandeireteiras Soalleira de Dorrón e un obradoiro aberto deste instrumento. Ás 18:30 horas terá lugar un concerto do Óscar Ibáñez Quartet, composto por Óscar Ibáñez á frauta e gaita, Fernando Fraga ao acordeón, Xosé Liz ao bouzouki e mais Leandro Deltell ao caixón e caixa. Por último, ás 19:30 horas ofrecerase un concerto didáctico sobre a nova técnica de pandeireta galega a cargo de Suso Vaamonde. Todas as actividades terán lugar no posto da Deputación de Pontevedra.

O domingo 30 será o día de máis actividade, cunha programación que dará comezo ás 12:00 horas no Teatriño coa presentación do proxecto documental “Mozas da miña aldea. As cantareiras e a poesía popular oral na provincia de Pontevedra”, na que intervirá o deputado de Cultura, Jorge Cubela, e que pechará coa actuación das pandeireteiras de Toutón, que visitarán a continuación (12:45 horas) o posto da Deputación para ofrecer unha actuación. Xa ás 13:00 horas, tamén no posto da Deputación, terá lugar un obradoiro aberto de pandeiro redondo e pandeireta a cargo de María Vidal Solla e Pichi Abollado. Ás 17:00 horas no Escenario Arte terá lugar a presentación do libro de banda deseñada “Castelao en Pontevedra (1916-1936)”, de Miguel Pérez Ramudo, organizada polo Museo de Pontevedra. Para rematar, ás 17:30 horas no posto da Deputación terá lugar un concerto didáctico sobre instrumentos de raíz ofrecido pola Fundación Legar.

A Deputación de Pontevedra tamén colabora cunha nova edición das Xornadas Profesionais MUMI: Músicas no Minho, que se celebrarán o venres 28 na Sala VIP do Pazo da Cultura. As xornadas consistirán en diversas conferencias e mesas redondas nas que se debaterá sobre a lingua como motor cultural, os festivais como espazos de transformación e diversos aspectos que afectan o mercado da música actual.

Ademais, no posto da Deputación haberá dispoñible material promocional dos programas e actividades relacionadas co lema “Unha provincia para cantar a cultura”, como o Culturea e o +Música, os circuítos Son Verán e Entradiñas de Aninovo, os obradoiros escolares Instrumentos da Memoria e o concurso Canta Rosalía!, ou as liñas de axudas para festivais e agrupacións musicais. Ademais dos folletos, as persoas que visiten o posto poderán levar cadansúa bolsa de tea e pulseiras co lema.