HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación organiza a próxima semana no Castelo de Soutomaior unha nova...

A Deputación organiza a próxima semana no Castelo de Soutomaior unha nova xeira de Catas con Historia

- Anuncio -spot_img

Xa están á venda as entradas para participar nesta actividade, na que as persoas participantes poderán percorrer os viñedos do castelo e degustar viños das tres adegas de Soutomaior pertencentes á D.O. Rías Baixas da man do sommelier Jacobo Rivas

A Deputación de Pontevedra organiza os próximos días 16 e 18 de xullo unha nova xeira de Catas con Historia no Castelo de Soutomaior. Trátase dunha actividade guiada baixo os viñedos do recinto histórico de propiedade provincial, unha experiencia única que une patrimonio, paisaxe e viño para a que as entradas xa están á venda a través do portal de venda de entradas do castelo.

A Deputación pon á disposición do público un total de 60 entradas, 30 para cada quenda, para que as persoas participantes poidan gozar dun percorrido sensorial entre as cepas de albariño e uvas doutras variedades que rodean o castelo. As persoas participantes poderán degustar viños das tres adegas do Concello de Soutomaior que forman parte da D.O. Rías Baixas (Cosecheros Reunidos de Soutomaior, Noelia Bebelia e Quinta das Eiras), e descubrirán as particularidades de cada un deles da man do sommelier Jacobo Rivas.

A actividade comezará ás 19:00 horas, cunha visita guiada de arredor de 45 minutos. Despois da visita iniciarse, arredor das 20:00 horas, a cata, guiada con maridaxe e a actuación musical do grupo Raúl&Cía. As entradas están dispoñibles a un prezo de 10 euros por persoa e pódense adquirir ata un máximo de nove entradas por reserva.

Os viñedos do Castelo de Soutomaior, que se estenden en catro hectáreas (o recinto ten unha extensión de 23), foron plantados en 1984. A explotación distribúese nunha parte con terreos tipo castel e en terrazas, e outra sobre terreos húmidos, fértiles e con cuberta vexetal. A uva é autóctona, na súa maioría albariña, habendo outras variedades brancas como o godello, torrontés, loureiro e treixadura. Todos os anos a Deputación saca a poxa pública a vendima dos seus viñedos e o ano pasado recolléronse preto de 13.000 quilos de uva (800 quilos máis que a previsión inicial), a un prezo de 1,47 euros por quilo de albariña e 1,05 euros por quilo doutras variedades.

Publicacións Relacionadas