HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación organiza a próxima semana tres novos obradoiros de capacitación tecnolóxica...

A Deputación organiza a próxima semana tres novos obradoiros de capacitación tecnolóxica da Rede SmartPeme+

- Anuncio -spot_img

Entre o 28 e o 30 de abril realizaranse accións telemáticas arredor de asuntos como a intelixencia artificial ou accións de márketing dixital

A Deputación de Pontevedra organiza a próxima semana tres novos obradoiros de capacitación tecnolóxica ao abeiro da Rede SmartPeme+. As accións, en formato telemático (todas elas requiren inscrición previa), celebraranse entre o luns 28 e o mércores 30 de abril e afondarán en cuestións de grande interese para o tecido empresarial da provincia como son a Intelixencia Artificial ou distintas variedades de márketing dixital.

O luns 28 celebrarase o obradoiro telemático “IA – Como facer prompts correctos”, organizado pola oficina de Barro a partir das 12:00 horas da man do asesor de Centro Provincial da Economía Dixital, Manuel Tornos. Neste obradoiro os participantes van aprender a dominar a Intelixencia Artificial creando indicacións precisas, descubrindo técnicas avanzadas, evitando erros comúns e explorando aplicacións prácticas. As inscricións pódense realizar no seguinte formulario.

O martes 29, en formato telemático tamén ás 12:00 horas e organizado pola oficina do Porriño, celebrarase o obradoiro “Promove o teu negocio: márketing sectorial, viral, email e publicidade”, coas claves para aprender a elaborar un bo plan de márketing dixital. As inscricións pódense realizar neste formulario e será impartido por Sabela Álvarez, asesora de emprendemento licenciada en Comunicación e formadora acreditada con máis de 10 anos de experiencia en empregabilidade, emprego e emprendemento.

Por último, o mércores 30 realizarase o obradoiro telemático “Optimiza a túa estratexia de marketing por correo electrónico con Benchmark Email”, organizado pola oficina de Cambados ás 11:00 horas. Nel, os participantes aprenderán a transmitir as súas mensaxes a través do correo electrónico e de ferramentas específicas que permiten mellorar o deseño e medir o impacto das campañas e mais os seus resultados. As inscricións pódense realizar no seguinte formulario.

A Deputación destina este ano 1,45 millóns de euros á Rede SmartPeme+ e Acelera Pyme Rural para asesorar persoas emprendedoras desde as oficinas de Barro, Cambados, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño e Vigo. Desde esta rede lévanse a cabo actividades formativas relacionadas co crecemento empresarial e a transformación dixital, asesorando a ata 2500 emprendedores, autónomos e pemes ao ano e impartindo arredor de 200 talleres formativos e actividades complementarias.

Publicacións Relacionadas